A privatización da sanidade ... por Suso Díaz

Publicada no Diario de Ferrol
Na pasada campaña electoral galega o candidato do PP asinou un documento-compromiso cos cidadáns que en materia de sanidade di: “Sanidade con garantías. Mellorar as condicións e a calidade da asistencia sanitaria e reducir as listas de espera, con garantías legais para os pacientes”. Estase a cumprir ? Eu afirmo que non. E fágoo non dende prexuízos ideolóxicos senón dende as políticas concretas do goberno da Xunta.

En primeiro lugar, hai que constatar un recorte orzamentario dende que goberna o PP. En 2011, 167 millóns de euros dos que 90 corresponden á atención primaria e 63 á hospitalaria. As consecuencias son, entre outras, paralización da creación duns 1.000 postos de traballo do Plan de Mellora da Asistencia Primaria, non cobertura de baixas da plantilla, redución da actividade nos hospitais e centros de saúde e deterioro dos centros sanitarios que teñen paralizado os Plans Directorios.

Neste sentido, a Xunta está desmantelando os hospitais públicos, á vez que derivan aos pacientes a centros privados. Un exemplo é a loita que levan os traballadores do Hospital Abente y Lago da Coruña para impedir estas prácticas. Dos sete quirófanos de que dispón que se utilizaban mañá e tarde, dende xuño, só operan unha tarde á semana. Do mesmo xeito, pecharon o laboratorio e o banco de sangue, eliminaron as consultas de tarde, o servizo de radioloxía funciona ao mínimo nesta quenda e pecharon 18 camas. Mentres os dermatólogos do centro acoden a traballar as mañás dos venres ao hospital privado San Rafael da mesma cidade.

En segundo lugar, a Xunta está a privatizar determinados servizos como o teléfono 112 de atención as emerxencias ou o servizo de cita previa de Atención Primaria. En coherencia cos seus principios privatizadores, dous hospitais e 19 centros de saúde van ser construídos con financiación privada, copia dos modelos de Madrid e Valencia, o que vai significar uns custes moi superiores e unha degradación da sanidade pública como ocorre nestas dúas comunidades. Por exemplo, o novo hospital de Vigo, con 400 camas menos, custará 1.400 millóns de euros a pagar en 20 anos, fronte aos poucos máis de 300 millóns que custaría de se facer pola Sociedade Pública de Inversión. Onde queda a tan cacareada “austeridade”?

O principio que sustenta estas operacións é a suposta superioridade da xestión privada sobre a pública; superioridade refutada en todos os ámbitos e máis cando se trata de servizos públicos esenciais. Para comprobalo temos o exemplo de Povisa, que actúa como se se tratase dun hospital público. A súa lista de espera para operar é de 139 días fronte aos 41 de Pontevedra ou os 88 de Vigo, A iso súmase o menor persoal sanitario para atención aos pacientes.

Segundo un estudo da UGT de Madrid o custe medio dunha cama nos oito novos hospitais de xestión privada, abertos en 2008 nesta cidade, ascende a 438.290 euros anuais fronte aos 277.370 que costa nos públicos. No mesmo sentido Vincenç Navarro afirma que en EEUU o goberno federal podería aforrarse 6.000 millóns de dólares anuais se contactara con centros públicos en lugar de con privados con afán de lucro. Nestes o aforro de persoal para minorar os gastos en áreas que afectan a calidade dos servizos ten como consecuencia unha maior mortalidade que nos públicos. Visto o visto, onde está a superioridade dos hospitais privados?

Outro aspecto escandaloso son os concertos cos centros privados que deberían ser excepcionais e só para solventar casos de urxencia. Sen embargo, a Xunta usa os concertos como forma de potenciar a sanidade privada que non podería subsistir sen eles. Trata con elo de introducir estratexias privatizadoras da sanidade ao facilitar unha prestación non pública.

Así mesmo é escandaloso que, en boa parte, os profesionais que derivan aos pacientes dos hospitais públicos son os mesmos que os atenden nos centros privados, sen que a Xunta faga nada por impedir esta ilegalidade.

Estes datos, coñecidos por todos, poñen de manifesto que a Xunta non defende a mellora da sanidade; só defende o negocio do sector privado aínda que teña un maior custe e unha menor calidade para os cidadáns. Neste sentido, a Xunta é incapaz de reducir os gastos farmacéuticos. Así, mentres en Galicia o consumo de xenéricos é do 11%, a media de España ascende ao 24 % . Nada que ver co 50 % de Suecia. Isto ocorre por tres motivos: porque a Xunta favorece o negocio das empresas farmacéuticas, porque a Xunta non quere controlar que se receiten xenéricos e por ineptitude.

En fin, se o presidente da Xunta quixera cumprir o seu compromiso cos cidadáns tería que modificar radicalmente as súas políticas con respecto á sanidade. Debería implantar unha xornada de tarde similar á da mañá para conseguir unha utilización racional dos centros hospitalarios, mellorar a calidade da asistencia e tender a eliminar as listas de espera. Debería utilizar os concertos como formula excepcional e mellorar a xestión dos recursos. Debería crear unha central de compras a nivel de Galicia que abarate o custo de todos os produtos utilizados na sanidade pública. Debería instalar oficinas de farmacia nos centros de saúde que subministre os medicamentos nas doses receitadas e adoptar todas as medidas necesarias para chegar,no medio prazo, a un uso de xenéricos do 50%.

Eu sei que non vai facelo porque o presidente da Xunta, na sanidade, como nos demais ámbitos, goberna a favor dos intereses privados e non a favor dos cidadáns. Se o deixamos, non dubidará en privatizar a sanidade pública.

(*) Suso Díaz , foi secretario xeral de CCOO Galicia

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988