Sobre a privatización do Souto de Leixa

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol manifestamos a nosa oposición á privatización da xestión do Centro Souto de Leixa, no que traballan 117 persoas e que atende a 200 alumnos e alumnas con discapacidade, que vai supoñer unha redución importante do cadro de persoal e unha peor calidade asistencial.

A privatización dos servizos públicos e unha constante da actual Xunta de Galicia que tamén se quere facer extensiva á Sanidade Pública e que esta Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol vimos denunciando.

A actual Xunta de Galicia pretende converter a xestión dos servizos sociais nun negocio para certas empresas, a pesar de saber que se vai reducir e precarizar o emprego e ofertar unha peor asistencia.

Esta denuncia nosa tamén é compartida por 14000 persoas de Ferrolterra que, a través da súa sinatura, xa expresaron a súa oposición á privatización da xestión do Centro de Souto de Leixa e de calquera outro centro público.

Nesta comarca a Xunta de Galicia tamén quere privatizar a xestión dos Centros de Saúde que se proxecta construír nos Concellos de A Capela, Ares, Cedeira e Narón, Privatización que vai supoñer un maior custo para a cidadanía e que abrirá a porta de pago por algunhas das prestacións que ata o de agora eran universais e gratuítas.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol queremos amosar o noso total apoio ó cadro de persoal do Souto de Leixa , apoio que se fai extensivo ós alumnos e alumnas e ás súas familias que serán quen sufran unha prestación de servizos de moita peor calidade.


Ferrol a 18 de decembro de 2010.

Asdo./Xosé Miguel López, portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988