Os veciños e veciñas afectadas polo peche do Consultorio da Graña presentan unha reclamación ante o Valedor do Pobo




Continúa a campaña de recollida de sinaturas a prol da ILP en Defensa da Sanidade Pública

No día de hoxe, sábado 17 de Marzo de 2012, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, continuou recollendo sinaturas a prol da ILP en Defensa da Sanidade Pública, en contra da xestión privada de Hospitais e Centros de Saúde , polo mantemento das Áreas Sanitarias, polo desenvolvemento da Atención Primaria  e contra o Copagamento.

No Barrio de Esteiro instalouse unha mesa entre as 11 e as 13 horas na que se recolleron máis de 200 sinaturas. En Ferrol xa superamos o número de 3000 sinaturas recollidas.

Os veciños e veciñas da Graña levantan o peche


Na asemblea celebrada hoxe día 16 de marzo do 2012 ás 20 horas nos locais do consultorio médico da Graña, e convocada polas AA.VV. de : A Graña, A Cabana, Brión e Serantes ademais da plataforma pola defensa da sanidade pública de Ferrol:
Os veciños/as asistentes decidiron despois da votación na asemblea as seguintes propostas:
Ø  Dar por rematado o peche indefinido dos usuarios/as do consultorio MEDICO da Graña por:
·        Despois de máis de 15 días de peche indefinido e por razón humanitarias e ao constatar diversos problemas de saúde das persoas moitas delas cunha avanzada idade, que mantiñan o peche, como alteración das patoloxías  que xa viñan padecendo hipertensión, diabetes, etc. que se viron alteradas por mor do peche (non seguir un proceso regulamentado de comidas, exercicio físico, etc.) ademais dos procesos de estres, ansiedade, etc, aconsellan proceder a dar por rematado o peche ininterrompido e facer unha vixilancia activa dos recursos materias para que non sexan trasladados a outras dependencias. Sempre trasladamos a opinión pública  que estaríamos ata que o corpo aguantase pois a saúde  das persoas é o máis importante.
Ø  Continuar a demandar a consulta de medicina e enfermaría como se viña desenvolvendo nos últimos 70 anos, no consultorio da Graña coa presenza física do médico e enfermeira.
Ø  Continuar coas mobilizacións  e outras iniciativas diante do Defensor do Pobo, a Xerencia de Área Sanitaria e do Concello de Ferrol para que se desenvolva a actividade sanitaria no Consultorio da Graña, que por dereito e por xustiza coa presenza dun profesional médico da familia corresponde na actuación dende 1940 neste consultorio polo SERGAS.
Ø  Avaliar como positivo a decisión de non pechar as instalacións modernas do consultorio da Graña e de darlle utilidade ao investimento feito na adecuación para desenvolver actividade sanitaria, cunha utilidade para os veciños durante toda a semana.
Ø  Agardamos que os procesos e programas de enfermaría a desenvolver os  luns, mércores e venres,  polo SERGAS de 12 a 14 hrs. e actividade os martes e xoves de 12 a 14 hrs, polo Concello de Ferrol, axude a paliar as deficiencias de non contar cun médico de familia para exercer a súa actividade no consultorio da Graña a unha poboación de preto de 800 usuarios/as e cunha porcentaxe dun 35 % de maiores de 65 anos ademais da dispersión xeográfica no que moitos núcleos de poboación non dispoñen de servizo de transporte público axeitado.
Ø  Avaliamos como insuficiente a proposta feita no seu conxunto polo Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ferrol, ata conquerir que se repoña a consulta médica na Graña, e seguiremos a demandar das administracións competentes unha resolución satisfactoria ao conflito xurdido por un erro da Consellería de Sanidade da que os usuarios/as sofren ás consecuencias “os erros da administración xamais deben prexudicar aos cidadáns”.
Ø  Agradecer a todas persoas e entidades que amosaron a súa solidariedade coas persoas que mantiñan o peche e defenderon ás súas iniciativas, manifestacións, concentracións é manifestaron o seu rexeite aos recortes sanitarios como  dificultar o acceso ao sistema sanitario no nivel máis básico “a accesibilidade ao médico de familia en atención primaria”, e comunicarlles a todos e todas que a loita continúa ata conquerir  unha solución ao conflito que só ten unha solución “repoñer a actividade asistencial sanitaria no consultorio da Graña con profesionais de medicina de familia é enfermaría".
Ø  Aos usuarios da Graña, Brión, A Cabana e Serantes poderán intentar recortarlles os servizos sanitarios pero xamais poderán as administración públicas quitarlle a súa dignidade polo que seguirán a demandar o que por dereito e xustiza lle corresponde e ademais estarán moi vixiantes do cumprimento das actuacións sanitarias e socio-sanitarias indefinidas no tempo a desenvolver polo SERGAS e o Concello de Ferrol para que se cumpran os proxectos prometidos de atención aos cidadáns da Graña e o seu entorno e manifestar que a pesar da avanzada idade de moitos usuarios/as saberán recoñecer  no futuro a quen tiveron da súa parte nesta loita, e quenes amosaron por acción ou omisión compracencia co peche do consultorio.

A Graña, a 16 marzo 2012.

Manifestación en rexeitamento ao peche do Consultorio de Saúde da Graña

Varios centos de veciños e veciñas de Ferrol manifestaronse hoxe polas rúas da cidade para amosar o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de pechar o Consultorio da Graña.




Imaxes extraídas da web de Susete70

Concentración protesta polo peche do Consultorio da Graña

As asociacións veciñais da Graña, Brión, A Cabana e Serantes xunto á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convocan un novo acto de protesta polo peche do Consultorio da Graña. O xoves 15 ás 19 horas na Praza de Armas de Ferrol haberá unha concentración para demandarlle á Xunta de Galicia unha solución viable para o Consultorio da Graña; solución que so pode pasar pola dotación co persoal necesario ao centro. Non podemos permitir que o SERGAS aproveite unha sentenza xudicial  para facer un novo recorte asistencial na nosa comarca.

Lembrar que os veciños destes barrios están a facer un peche no Consultorio desde a pasada semana. Acode ao centro e solidarízate cos veciños afectados.

Noticias e videos de interese



Nota de prensa da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol.



Saíndo ó paso das desafortunadas e sesgadas declaracións da Conselleira de Sanidade, efectuadas no día de onte os medios de comunicación


Queremos manifestar o seguinte:

  1. A Conselleira amosa un total descoñecemento sobre o que pasa na Sanidade Pública e máis concretamente no peche do Consultorio da Graña.
  2. Non é certo que se teña producido descenso da poboación adscrita o Consultorio da Graña que leva aberto desde 1940.
  3. Non é certo que a accesibilidade o Centro de Saúde de Serantes sexa máxima. Desde núcleos rurais como Liñares, Martín, San Cristobo, Brión, San Felipe, etc a comunicación, a través do transporte público, con ese centro de Saúde de Serantes e deficitaria e insuficiente e ningún dos autobuses conta con medios adaptados a discapacitados en cadeiras de rodas.
  4. Descoñece a Conselleira que o Centro de Saúde de Serantes, aínda que con anos de retraso, vai ser ampliado proximamente, debido o espazo insuficiente, e por mor das obras a calidade asistencial vaise ver mermada, moito máis se lle envían os 800 usuarios/as do consultorio da Graña.
  5. A Conselleira de Sanidade está utilizando unha sentencia xudicial, motivada por un erro administrativo do Sergas e da Consellería de Sanidade na oferta da praza e pola non comparecencia do Sergas e da Consellería de Sanidade no contencioso administrativo presentado polo facultativo que prestaba o servizo no Consultorio e contra o que os usuarios non teñen nada, para pechar unha instalación que leva 70 anos funcionando e que segue a ser absolutamente necesaria.
  6. A Conselleira non sabe que a maior parte da poboación atendida no Consultorio da Graña e maior de 65 anos.
  7. En Ferrol hai recorte nos servizos sanitarios xa que se pecha un Consultorio aberto nun local propiedade do Concello de Ferrol.
  8. A Consellería está incumprindo, de maneira unilateral, un convenio co Concello de Ferrol, polo que este facilita un local e se fai cargo da limpeza e do mantemento e a Consellería presta a asistencia sanitaria no Consultorio da Graña.
Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, pensamos que o Alcalde de Ferrol é o Xerente da Área Sanitaria teñen que informar mellor á Conselleira de Sanidade do que pasa, xa que as súas declaracións amosan un descoñecemento total da realidade e non admisible nun membro da Xunta de Galicia.

O Alcalde da cidade é o que ten a chave para que se arranxe a situación, conta co respaldo de tódolos grupos municipais de Ferrol, e ten que defender a reapertura inmediata, esta semana, do Consultorio da Graña. Non pode andar con medias tintas e ten que de maneira decidida defender esta instalación que está pechada por decisión política e non por necesidades asistenciais.

El é o alcalde de toda a cidadanía de Ferrol, é presidente da Fegamp e ten un peso importante dentro do Partido Popular. A decisión do peche é política e a decisión da reapertura ten que ser tamén política. A solución e doada e barata

O Alcalde da cidade non pode ser un mero transmisor dos acordos do Concello, ten que defender os intereses da cidade. Neste caso os intereses dos veciños e veciñas de A Cabana, San Felipe, A Graña e Brión.

É de dereito e é de Xustiza.

Ferrol a 7 de marzo de 2012.

Asdo./Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf

Actividades culturais en Defensa do Consultorio da Graña

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol e as entidades veciñais de A Cabana, A Graña, Brión e Serantes teñen programadas actividades culturais no local veciñal da Graña, onde están pechados usuarios e usuarias defendendo a continuidade do Consultorio de A Graña, estas actividades son:
  • Mercores día 7 de Marzo ás 20 horas: Teatro Radiofónico " A Guerra dos Mundos" de Pepe Torregrosa-Miguel Castro.
  • Xoves día 8 de Marzo ás 17 horas contros de saúde ós veciños e veciñas pechados por parte de persoal facultativo e de enfermería.
  • Xoves día 8 de Marzo ás 20 horas actuación musical: Manolo Bacallau.
  • Venres día 9 de Marzo ás 17 horas conferencia de D. Miguel Fernández " Marinería e as súas supersticións".
  • Venres día 9 de Marzo ás 20 horas actuación musical: Grupo de Música Tradicional Galega.

Ademais xa podedes descargar o manifesto lido por Xosé Miguel López Pérez, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, durante a concentración do pasado domingo diante do Consultorio da Graña en apoio á demanda dos veciños da Graña, Brión, A Cabana e San Felipe para que non se peche o citado consultorio.

Concentracións na Capela e na Graña


Concentración do Sábado 3 de Marzo de 2012 n'A Capela

Veciñas e veciños d'A Capela acudiron á chamada do seu Alcalde, Manuel Meizoso e da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol. Pasadas as 11 da mañá, foron moitas as persoas que se concentraron diante do actual Centro de Saúde.

En primeiro lugar dirixiu-se á veciñanza o Alcalde da localidade, para reclamar-lle á Xunta de Galicia a construción do novo Centro de Saúde para A Capela, centro comprometido no seu momento. A construción do mesmo quedou paralizada pola Xunta de Galicia, xunto con outros centros das comarcas (Ares, Cedeira e Narón).

Miguel López, portavoz da mencionada Plataforma fixo a lectura do comunicado público en apoio das reivindicacións da veciñanza d'A Capela e denunciou as políticas e xestión da Xunta para a sanidade pública galega, facendo fincapé en como afectan esas políticas na Comarca.

Lois Méndez, tamén da Plataforma, falou da loita veciñal polo Consultorio d'A Graña e chamou a amosar a solidariedade d@s presentes e a participar na concentración cidadá que terá lugar mañá Domingo, 4 de Marzo.

O acto cidadán continuou, para promocionar a Iniciativa Lexislativa Popular -ILP- en defensa da Sanidade Pública que leva adiante a Plataforma S.O.S. Sanidade Pública e recoller sinaturas para a mesma.

Non nos moverán. Solidarízate cos veciños e veciñas que loitan por defender o Consultorio da Graña.

Noticias de prensa

El Correo Gallego
La Voz de Galicia
Diario de Ferrol
El País

Concentración polo peche do Consultorio da Graña


Descargar cartaz (A3, pdf)

Noticia de prensa: Diario de Ferrol

CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988