Acto protesta das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de Galicia

Representantes das Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, A Mariña, Pontevedra, O Barco de Valdeorras, Monforte, e Vigo, así como dos sindicatos CIG, CCOO e da Confederación de Asociacións de Veciños de Galicia (COGAVE), realizaron unha concentración á entrada do acto de propaganda institucional da Consellería de Sanidade no que se presentou o Plan Estratéxico de Sanidade, que pretende consolidar a estratexia de deterioración e privatización do Sistema Sanitario de Galicia .

Os representantes das Plataformas, en nome dos miles de persoas que se manifestaron en toda Galicia convocadas polas mesmas, mostraron o seu malestar á Xerente do SERGAS Rocio Mosquera, á Conselleira de Sanidade Pilar Farjas e ao Presidente da Xunta Núñez Feijoo, que deberon acceder ao acto entre as pancartas de rexeitamento á política de deterioración e privatización do sistema sanitario levada adiante por eles.

Como aspecto negativo cabería resaltar que, a pesar do carácter pacífico e plenamente democrático do acto de protesta, a policía recibiu ordes de retirar ás pancartas da entrada do Palacio de Congresos, protagonizando algúns momentos de tensión ao forcejear con algúns dos manifestantes.

A Plataforma Galega Para a Defensa da Sanidade Pública quere facer saber á poboación que manterá as convocatorias de mobilizacións ata que cese esta política de deterioración do sistema sanitario que leva a cabo a administración en Galicia.


0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988