A Xunta asume que privatizar o hospital de Bos Aires foi un fracaso

O Goberno da Xunta di agora que non pode pagar o que solicita a empresa, que abandonou o sanatorio.

Polémicas, denuncias, conflitos e rupturas na emigración. Todo para nada. A Xunta decidiu o pasado mes de xaneiro privatizar a xestión do Centro Gallego de Bos Aires, hospital da emigración naquela cidade. Malia o rexeitamento de boa parte dos colectivos da diáspora e incluso do Goberno arxentino, Sanidade cedeu o control do sanatorio ao grupo castelán 3A Recoletas durante doce anos e cunha subvención pública para a empresa de 37,2 millóns no mesmo periodo..

A compañía controlaba así financeriamente o centro, mentres que a Fundación Galicia Saúde, de carácter público, se limitaba a compartir a dirección e a aboar anualmente máis de tres millóns de euros para a xestión de 3A Recoletas. Seis meses despois daquel polémico acordo –que supuña “a privatización da xestión do hospital”, segundo os colectivos críticos– os dous directivos encargados por 3A Recoletas para dirixir o Centro Gallego “abandonaron o sanatorio” de feito temporal. Un mes despois do adiantado por este diario, os dous xestores da compañía marcharon definitivamente, tal e como confirmaron a Xornal fontes do propio hospital. “Entregaron os ordenadores e a información que tiñan, deron as grazas e dixéronlles aos empregados que marchaban sen posibilidade ningunha de regreso”, din.

Os motivos son económicos. 3A Recoletas comprometeuse no contrato asinado coa Xunta a xestionar o hospital sempre que o Goberno asumise a débeda, algo que asegurou o Executivo galego. A cantidade comprometida polo Goberno, de máis de dez millóns de euros, nunca chegou e a empresa, cansa de esperar, decidiu abandonar.

A Xunta mantén silencio, pero Xornal tivo acceso a unha carta da Asociación de Profesionales del Centro Gallego onde os médicos dan conta da última reunión mantida con Santiago Camba, secretario xeral de Emigración. “O Executivo galego non o recoñecerá, pero o acordo está roto”, dicían fontes do hospital hai unhas semanas.

Na carta, explícase que Camba aclarou que a Xunta “atópase aínda nunha etapa de conversas” e que se deu “un prazo de dous meses para definir a sinatura ou non do contrato definitivo con ela (Recoletas)”. Ademais, o secretario xeral de Emigración tería recoñecido tamén “que os montantes necesarios non poden ser satisfeitos na súa totalidade”

Mentres, Recoletas abandonaba o hospital e os profesionais, na mesma carta, advirten que “colaborarían na eventual determinación doutro camiño” e no caso “de ver sinais claros de cambio na xestión”. “Non cremos nos que foron artífices ou partícipes dun proxecto que só trouxo consecuencias de quebranto económico e moral a expensas do noso esforzo”, din. O hospital ten agora graves problemas económicos.


Noticia de Xornal de Galicia.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988