Moción no Pleno do Concello de Ferrol

As 23:45 horas do 25 de marzo de 2010 intervíu no Pleno do concello de Ferrol Xosé Miguel López como portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. O debate prolongouse ata ás 0:30 horas e a moción foi aprobada cos votos a favor do PSOE, BNG e EU. O resto, PP e IF votaron en contra.

Intervención de Xose Miguel López como portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol no pleno do Concello de Ferrol do día 25 de marzo de 2010:

Sr. Alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, veciñas e veciños de Ferrol, falo no nome da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, entidade que agrupa a, neste momento, 43 entidades diversas: asociacións sociosanitarias, veciñais, culturais, partidos políticos, sindicatos e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol. Entidades defensoras da sanidade pública e preocupadas polos anuncios privatizadores, de reducción de orzamentos en materia sanitaria e de absoluta falla de compromiso coa Área Sanitaria de Ferrol por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A sanidade pública é unha conquista da cidadania, non foi un regalo de ninguén, a sanidade pública, con defectos que hai que corrixir ( un deles as excesivas listas de espera) é comparable a calquera sanidade pública do mundo, esa cidadanía que conquistou ese dereito non vai permitir que desde a actual Xunta de Galicia se converta a saúde nun negocio que beneficie a empresas constructoras, empresas aseguradoras, bancos e mesmo a empresas farmacéuticas, a costa de encarecer a prestación do servizo, construír centros de peor calidade e a costa de precarizar o emprego.

Se pretende trasladar a Galicia modelos, que no seu pais de orixe, o Reino Unido, xa amosaron o seu absoluto fracaso e que mesmo o Partido Conservador Británico xa anunciou que vai abandonar.

Modelos que xa se implantaron en Madrid e en Valencia onde tamén demostraron o seu fracaso.

Se pretende xustificar, unha medida absolutamente política, con a falla de recursos e a crise , que provocada pola Banca e os monopolios, estamos padecendo os de sempre. Hai que recordar que cando este modelo de implantou en Madrid e Valencia estabamos en plena bonanza económica, o que demostra que e unha medida absolutamente política de aposta por un modelo fracasado e que non ten absolutamente nada que ver coa crise económica. As grande empresas e a Banca que provocaron o crack económico van provocar agora o crack no sistema sanitario público para abrir ás portas ó copagamento.
Quen poida pagar recibirá determinados servizos e quen non poida pagar non os recibirá.

Chamamos a atención, a modo ilustrativo, co sucedido en Alzira, que e un exemplo de obscenidade política sen precedentes. No ano 1999 , o grupo Adeslas, faise coa xestión do novo hospital, no ano 2003 a Consellería de Sanidade de Valencia vese na obriga de rescatar a concesión e abona a Adeslas o importe do investido na construcción máis o lucro cesante, polos anos que faltaban de concesión.

A Consellería sanea as contas do hospital de Alzira e no ano 2006 convoca un novo concurso de privatización da xestión no que tamén se inclúe a Atención Primaria , se pasa de 379 euros usuario no 2003 a 495 euros usuario no 2006.

Saben cal foi o grupo que se fixo coa concesión? Pois está moi claro, de novo o grupo Adeslas.

Ten isto que ver coa crise ou obedece a unha aposta política de converter a saúde nun negocio para unhas cantas empresas?. Ten esto que ver coa crise ou é unha aposta polo beneficio empresarial en detrimento da calidade asistencial na sanidade pública?

En Galicia xa tivemos un exemplo de fracaso absoluto na privatización da xestión sanitaria: Foron as Fundacións Sanitarias que promoveron os Señores Romay Becaría desde a Consellería de Sanidade e Alberte Núñez Feijoo á fronte do Sergas. Os hospitais de Verín, Barbanza, Salnés e Cee que tiveron que ser rescatadas, para poñelas en valor, polo Sergas. Agora pretendese retomar eses modelos privatizadores e ir máis aló aínda, coa implantación do copagamento, seguindo o modelo de Esperanza Aguirre.

Mentres en países como Estados Unidos, a pesar da reforma a anos luz da Sanidade Pública do Estado Español, se quere ir cara adiante e establecer un modelo cada vez máis público, máis universal e que de cobertura a cada vez mais persoas, aquí en Galicia, grazas á actual Xunta, queremos ir no sentido contrario e ir cara a privatización de servizos e a precarización do emprego como xa sucede en Madrid.

A actual Xunta de Galicia, a pesar de falar do aumento do gasto social, ven de reducir en 36 millóns de euros os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Sergas o que vai impedir que se poidan ofertar novos servizos, mellorar os existentes, que se poidan incrementar os cadros de persoal e mesmo xa se detecta a reducción de contratacións en casos de enfermidade, permiso, vacacións etc, non se substitúe a ese persoal co que o calidade asistencial diminúe.

Tamén se paraliza o Plan de Mellora da Atención Primaria que ía permitir unha atención primaria máis resolutiva, de mais calidade e que ía facer posible a reducción das listas de espera. Case 30 prazas de médicos, pediatras, enfermeiras e fisiterapeutas, que xa estaban presupostadas no 2009 desaparecen. Onde foron os cartos?. Por que non se ofertan esas prazas?. E as 458 prazas de Primaria en todo Galicia?.
Mentres isto sucede se seguen incrementando os concertos con Hospitais e clínicas privadas, un exemplo e Povisa en Vigo, nunha aposta clara por empeorar a prestación sanitaria publica favorecendo que os cidadáns e cidadás acudan a sanidade privada.

Outro xeito de favorecer a Sanidade privada concertada e a non aplicación do decreto de incompatibilidades que impide que profesionais da sanidade publica, atendan nos hospitais concertados a usuarios e usuarias públicos a través deses concertos.

Non se aplica o decreto e se mira para outro lado, sabendo de situacións que aquí en Ferrol son escandalosas.

No que se refire a esta Área Sanitaria hai unha falla total de compromiso, deixando paralizados tódolos proxectos que se tiña previsto facer logo de que o Hospital Naval se incorporou o Sergas.

So se están a executar proxectos xa adxudicados polo anterior equipo directivo.

Se dedica o Plan Director do Complexo Hospitalario 100.000 euros, o mesmo que o Xacobeo pagou a David Meca, a ese nivel estamos en Ferrol para a Consellería de Sanidade.

Non se contempla nin un so euro investimentos en Alta Tecnoloxía para a Ferrol.

A creación da Unidade de Hemodiálise esta paralizada, cando xa tiña que estar en funcionamento. Por qué non funciona?

Non se contempla a creación de novos servizos que permitan desenvolver as especialidades : Por exemplo Servizos de Cardioloxía, Nefroloxía, etc.

Se segue a tratar pola Sanidade Publica, como enfermidades comúns, enfermidades profesionais, nun claro interese de favorecer as mútuas que serían que terían que custear eses procesos e que permitirían ós traballadores e traballadoras unha maior retribución.

Non se fai unha utilización plena de tódolos recursos sanitarios públicos, dunha maneira coordinada e plena e se manteñen concertos de dubidosa necesidade.

Séguese a incrementar as listas de espera ou se maquillan creando listas B. Se lle ofrece os usuarios a atención no Juan Cardona , no San Rafael ou no Santa Teresa e se non o aceptan, porque queren recibir atención na Sanidade Publica, pasan a unha lista B co que por arte de maxia se reducen as listas de espera.

Precisamos a creación dun Centro de Referencia de Enfermidades Profesionais nesta comarca onde temos milleiros de persoas afectadas pola asbestose e outras patoloxías de caracter profesional.

E preciso incrementar os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Sergas ata ratios europeos, que permitan o incremento de prestacións e o incremento de profesionais.

E preciso controlar o despilfarro no gasto farmacéutico que en poucos anos vai supoñer mais gasto que o gasto de persoal. E preciso unha maior dispensación de xenéricos e de unidoses nas farmacias.
En definitiva necesitamos unha aposta decidida pola Sanidade Publica e nesa liña a derogación da Lei 15/97, que permite esas xestións privadas e abre a porta o copago.

A actual Xunta de Galicia vai no sentido contrario, no camiño de converter a saúde nun negocio. A construcción dos Hospitais de Vigo e Pontevedra e de centros de saúde en A Capela, Ares, Cedeira e Narón, encareceran os custos, serán de peor calidade e precarizarán o emprego e detraerán orzamentos de
outras necesidades sanitarias, reducindo as prestacións.

No caso do Hospital de Vigo , estaba prevista a súa construcción cun orzamento de 350 millóns de euros e coa proposta actual da Consellería custará 50 millóns de euros durante 20 anos de concesión , chegando ós 1400 millóns de euros e con centos de camas hospitalarias menos, a Sanidade Pública paga máis por menos. Outro tanto o Hospital de Pontevedra. O hospital de Lugo, xa rematado, leva un ano pechado para tamén privatizar unha parte da súa xestión.

Por todo esto a Plataforma en Defensa da Sanidade Publica de Ferrol, temos convocada unha mobilización comarcal para o Domingo 11 de abril as 12 do mediodía baixo o lema: “A saúde non e un negocio”. Hoxe milleiros de persoas en Vigo se están mobilizando en Defensa da Sanidade Pública.

Estamos diante dunha situación moi perigosa e de ataque decidido, por parte da Xunta de Galicia, contra a Sanidade Pública e temos que mobilizarnos na súa defensa.

Solicitamos do Pleno do Concello de Ferrol a aprobación dunha moción en Defensa da Sanidade Pública, en contra da privatización da construción de centros e da súa xestión e de apoio decidido a citada manifestación.

Moitas grazas.

Xosé Miguel López Pérez, portavoz da Pdspf

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988