Nin quedos nin calados, o 27 de outubro todos á rúa. Pintan bastos para a Sanidade Pública en Galicia ... por Xosé Miguel López Pérez

Nin quedos nin calados, o 27 de outubro todos á rúa.

Pintan bastos para a Sanidade Pública en Galicia,

Coa chegada ó goberno da Xunta do Sr. Feijoo e a Sra. Farjas, comezan os ataques furibundos en contra da Sanidade Pública, repetindo como nunha letanía que é insostible e que coa crise fai falla facer importantes recortes nas prestacións, nos servizos e tamén no persoal do Sergas. Dito e feito:
  • Paralizan o Plano de Mellora na Atención Primaria que, ademais de reducir as listas de espera ó ter unha atención primaria máis resolutiva e máis coordinada cos hospitais, ía crear centos de postos de traballo, moitos deles na Área Sanitaria de Ferrol.
  • Paralizan o Plan Galego de Saúde Mental e aproban un decreto de transporte sanitario que deixa as portas abertas para que os doentes que acoden a recibir tratamentos de diálise, rehabilitación, quimioterapia, etc, teñan que pagar ese transporte. Nese decreto desaparece a obriga do Sergas de facerse cargo do mesmo.
  • Suspenden o Acordo Retributivo, que melloraba os salarios do persoal do Sergas e que fora asinado por un Goberno e os representantes do persoal. Un feito gravísimo.

Agora xa anuncian que van endurecer as condicións de asistencia sanitaria pública ós inmigrantes.

Por vez primeira, desde que a Sanidade está transferida a Galicia diminúen os ornamentos destinados á Sanidade, tanto no 2011 como nos anunciados do 2012 ( Nestes aumenta a partida para os Hospitais Concertados).

Se privatiza a construción e a xestión do novo Hospital de Vigo, reducindo o número de camas e os servizos cos que ía contar no anterior proxecto, e triplicando o seu custo de 500 millóns de euros para a 1500 millóns.

Este mesmo sistema se pretende aplicar no novo Hospital de Pontevedra e a moitos novos centros de saúde. Privatizar a construción e a xestión encarecendo o custo.

En Ferrol suspenderon o investimento de 63 millóns de euros que estaban comprometidos para a mellora do Hospital Naval en tres anos,  Deixan a Área Sanitaria fora do Plan de Alta Tecnoloxía  e dos novos centros de saúde que se ían construír en Ares, A Capela, Cedeira e Narón, non temos noticias.

Por cada 9 euros que se dedican á Sanidade Pública na Unión Europea en Galicia se dedican 6 euros e, aínda así, temos unha Sanidade Pública equiparable á de calquera país da UE. Por suposto que se debe mellorar a xestión, a mala xestión do Sr. Feijoo e a Sra Farjas, pero o sistema é sostible.

Quen acaba de despilfarrar millóns de euros en socorrer ós bancos e ás Caixas para que os seus directivos cobren millóns de euros de indemnizacións, dinnos que a Sanidade Pública é insostible? É ofensivo que se nos diga iso.

Fronte a esta situación non podemos ficar nin quedos nin calados e temos que saír á rúa como fará a cidadanía de toda Galicia o xoves 27 de outubro  en defensa da Sanidade Pública, contra a privatización e o copagamento. En Ferrol será na Praza de Armas.

Se non nos mobilizamos agora , despois será tarde e sucederá o mesmo que en Madrid, Valencia e Cataluña, con peches de centros sanitarios e despedimentos de persoal.

Xosé Miguel López Pérez é o portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988