Na defensa da Sanidade Pública ... por Pablo Vaamonde

Cando Núñez Feijóo tomou posesión como presidente da Xunta, en abril de 2009, debuxou un escenario catastrófico, baseado na crise económica, que lle permitiu predicar unha política de austeridade extrema. Afirmou, daquela, que os recortes nunca afectarían á sanidade e á educación, piares do estado do benestar. Mentiu: pasados dous anos os feitos desminten radicalmente as súas verbas: está a desenvolver unha política ultraliberal que provoca un deterioro notable nos servizos sanitarios públicos namentras favorece negocios privados a costa dos orzamentos. Nestes días pasados xa avisou: “O que fixemos en Galicia é o que imos facer en toda España”. E non está só; tamén Ana Pastor afirmou que “o PP recortará un 25% do gasto coa súa reforma sanitaria”. O que non explicou é que servizos deixará de ofrecer a sanidade pública e cales terán que abonar os cidadáns mediante copago. 


A sanidade pública en Galicia experimentou, durante os catro anos de goberno de progreso, un avance extraordinario. O apoio político decidido aos servizos públicos plasmouse en melloras tecnolóxicas e organizativas, na integración na rede do Sergas das arruinadas Fundacións Sanitarias, na creación de novas prazas e a consolidación do emprego dos traballadores. O impulso foi especialmente visible na Atención Primaria (AP) donde se incrementou a carteira de servizos, dotouse de medios aos Centros de Saúde e informatizáronse as consultas, coa posta en marcha da historia clínica e a receita electrónica, que permiten mellorar a calidade da atención sanitaria. Toda esta tarefa puido ser realizada co apoio de moitos profesionais que aportaron o seu esforzo e colaboración. Tamén houbo que superar, daquela, a oposición frontal do PP e de certos axentes sindicais, que puxeron todos os atrancos posibles e provocaron crispación nos centros de traballo para dificultar os avances.

O actual goberno do PP fixo un enorme recorte no orzamento de AP (22% nos últimos dous anos), desmontou o Plan de Mellora e puxo en marcha a xerencia única que fai desaparecer as xerencias de AP e deixa este nivel asistencial como un apéndice dos hospitais. É ben sabido que a mellora na eficiencia dos servizos sanitarios pasa polo fortalecemento dao primeiro nivel asistencial, que debe constituir o eixo do sistema e estar dotado de persoal e medios para ter maior capacidade de resolución. Pero esta Xunta tomou o camiño contrario: aniquila a AP e favorece unha política sanitaria “hospitalocéntrica”, que provoca máis gasto, mais iatroxenia e menos eficiencia.
Diante destes feitos a resposta dos profesionais e das organizacións profesionais foi o silencio. Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, clamaba nun escrito recente: “É que os profesionais perderon a esperanza nunha AP de calidade? Non hai capacidade de iniciativa na AP? Renunciamos ao futuro?”. Algúns  profesionais, se cadra, están satisfeitos coa situación: a proximidade ideolóxica ao partido gobernante poida que sexa maioritaria. Pero tamén debemos preguntarnos que están a facer as forzas sindicais, noutrora tan belixerantes e intransixentes –algunhas lideradas por os  que agora ocupan postos directivos-; que traballos desenvolven os partidos da oposición, ademáis de lamber nas propias feridas; e cales son as iniciativas das organizacións profesionais para defender o sistema público. Non é preciso preguntar a que se dedican os Colexios de Médicos: son cómplices e compañeiros de viaxe do grupo no poder. 

A nosa sanidade é das mellores e máis eficientes do mundo: o investimento corresponde ao 6% do PIB cando a media na UE é do 9%. A reducción dos orzamentos, a eliminación de servizos e a precarización laboral van provocar a perda de calidade asistencial. De non producirse unha resposta dos cidadáns o deterioro da sanidade continuará sen remedio ata que só teñamos uns servizos de beneficencia para os máis e unha  sanidade privada para a élite económica. A plataforma SOS Sanidade Pública está a convocar mobilizacións contra dos recortes sanitarios: “Míntennos: queren converter a nosa sanidade pública, e o dereito a unha atención sanitaria digna, nun negocio privado”. Se non hai resposta social seguirán a utilizar as tesouras, ata que non haxa xa onde cortar. Se deixamos destruir o sistema sanitario que hoxe temos perderase un elemento fundamental de cohesión social. Cómpre elevar a voz para que saiban que estas políticas de recorte público non son aceptadas pola maioría da poboación. E debemos lembrar que hai un punto de non retorno: chegados a certo nivel de destrucción xa non é posible recuperar o perdido.


0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988