Comunicado da Plataforma: Novo ataque á Sanidade Pública


Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol DENUNCIAMOS:  Un novo ataque  da Xunta de Galicia á Sanidade Pública, que nesta ocasión se materializa co peche de 670 camas hospitalarias en todo Galicia , que supón como se se pechara un hospital enteiro de tamaño medio.

A Área Sanitaria de Ferrol é unha das máis afectadas pechando o Servizo de Medicina Interna do antigo Hospital Naval e o Servizo de Pediatría no Arquitecto Marcide, o que non tiña sucedido nunca. 

O peche de camas vai supoñer un incremento nas listas de espera e producir colapsos no Servizo de Urxencias que terán como resultado un maior desvío de doentes ó Hospital Juan Cardona, onde a calidade asistencial é peor que no Arquitecto Marcide.

O Sergas pensa que a Sanidade se pode xestionar como se fose unha fábrica de produción en cadea que se pode parar ou traballar a un menor ritmo, pero a realidade é que en verán as persoas seguen enfermando e se unha patoloxías teñen menos ingresos, non é o caso de Medicina Interna, outras patoloxías aumentan e incrementan os ingresos hospitalarios.

As razóns deste peche de camas son dúas: Por unha banda seguir potenciando, desde a Xunta de Galicia, a privatización da sanidade pública e incrementando os concertos con centros privados e por outra reducir o número de persoal, o que ten como consecuencia unha peor calidade asistencial e un incremento importante na carga de traballo do mesmo.

Desde a chegada da actual Xunta de Galicia, a Área Sanitaria de Ferrol é a peor tratada de todo o Sergas: Queda fóra do Plan de Alta Tecnoloxía e os 63 millóns de euros, comprometidos para a reparación e mellora do antigo Hospital Naval, seguen desaparecidos e, ó mesmo tempo, ó Hospital Novoa Santos se lle vai deixando pouco a pouco sen ningún contido asistencial, mentres se incrementan os concertos co Juan Cardona e con outras clínicas da cidade e aumentan as derivacións a outros hospitais privados concertados da Coruña.

Se privatizan os servizos de compras e subministros, os de arquivo e historias clínicas e o mantemento do Hospital Naval se lle adxudica á empresa Eulen en troques de facelo o propio persoal de Mantemento do Complexo Hospitalario.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol queremos denunciar que desde a Xunta de Galicia hai unha campaña contra a Sanidade Pública, dicindo que é moi cara e que é insostible. Detrás desta campaña so hai o interese de incrementar as privatizacións na Sanidade Pública, incrementar a contía económica dos concertos con centros privados e , sobre todo, de abrirlle as portas ó COPAGO de determinados servizos, aínda que a palabra exacta debería ser REPAGO: Pagar dúas veces polo mesmo.

En definitiva se pretende reducir os dereitos de atención sanitaria da cidadanía, que nun momento de crise e desemprego, precisa dunha maior e mellor atención.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol facemos un chamamento á mobilización permanente de toda a cidadanía na defensa dun dereito básico que se pretende recortar, un dereito que non podemos deixar perder, que temos que defender e impedir que se converta nun negocio para uns poucos como pretende a actual Xunta de Galicia seguindo os modelos de Esperanza Aguirre e Camps en Madrid e Valencia.

É preciso que se sigan facendo reclamacións contra as listas de espera para demostrar a falsidade dos datos que presenta a Conselleira Pilar Farjas e que non son reais.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol queremos manifestar o noso total apoio ás reivindicacións dos usuarios e usuarias de Cariño e Ortigueira nas súas demandas dunha mellor e maior Atención Pediátrica nos dous concellos.

Coa actual Xunta de Galicia as condicións de traballo e de salario do persoal do Sergas son peores, o que fai que a atención sanitaria tamén sexa peor. Nos se respectan os dereitos laborais e no que se refire ós usuarios hai un recorte continuo en prestacións e en dereitos.

É preciso defender un dereito básico de toda a cidadanía: A Sanidade Pública.


Ferrol a 1 de Xullo de 2011.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Dejad de hacer política con la sanidad. Que vienen los empresarios a robar de la sanidad uh uh que miedo. Aquí los únicos que roban son los políticos, y los de izquierda como los que más. Que vergüenza,leed un poquito más, viajad...un poco de cultura es buena, en serio, probad, os abre miras...Mejores sistemas sanitarios mundiales año tras año: Francia, Suiza...(todos los hospitales privados, copago)

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988