Privatización da sanidade ... por Suso Díaz

A sanidade pública está en perigo nas autonomías onde goberna o PP e CIU. O problema   radica en que a dereita non cre no público e utiliza os gobernos para privatizar as áreas públicas rentables das que o sector privado poda obter beneficios; a dereita pensa que a función dos gobernos non consiste en proporcionar servizos á cidadanía senón que os proporcione o sector privado. Os gobernos de Bush chegaron a privatizar ata a guerra. Por iso Feijóo, que comparte estes principios políticos, camiña con presa cara á privatización da sanidade.  

E todo elo malia a que o gasto sanitario é maior nos países con maior privatización do sistema sanitario e os resultados en saúde son peores que nos sistemas públicos, como vemos en EEUU. Isto é así porque os centros privados teñen que obter beneficios e iso incrementa os seus custes ou empeora a calidade dos servizos ou as dúas cousas á vez.

Así vemos como o novo hospital de Vigo financiado con fondos públicos tería un custe de 450 millóns de euros mentres que construído con financiamento privado custa 1.560 millóns a pagar en 20 anos, con 380 camas menos e sen o módulo de investigación e docencia. Xa ven, o FMI ou a OCDE permiten que se apliquen estas nefastas políticas de déficit público que hipotecan o futuro dun pais porque benefician en exclusiva ao sector privado pero non as aproban si se fan con financiamento  público!

Pero miren por onde o que paga manda e os adxudicatarios privados dos sete hospitais de Madrid ameazan co seu colapso se a comunidade non paga 80 millóns de euros máis por investimentos que, din, non foron recoñecidos no proxecto inicial e un novo canon de 260 millóns de euros a pagar en 26 anos. A voracidade do privado é infinita mentres Feijóo non se cansa de dicir que eses hospitais son públicos! Si o son por qué ameazan con colapsalos?

Claro que en Madrid pasan outras cousas como, por exemplo, que o sistema informático dos centros construídos con financiamento privado non sexa compatible co dos hospitais públicos e os centros de saúde. Como é fácil de intuir estas aberracións non obedecen á incompetencia dos gobernos  senón a crear un caos na sanidade pública para desprestixiala e poñer en contra dela aos usuarios. No mesmo sentido, en Galicia péchanse os quirófanos polas tardes nos hospitais públicos, elimínanse servizos, preténdese privatizar outros como a diálise,... mentres se potencian os concertos cos privados.

Feijóo ten un sentido da austeridade que non ten nada que ver co sentido común: a súa “austeridade” é para debilitar o público e potenciar o privado. Como se sabe o gasto farmaceútico é moi elevado e non me resisto a darlle unha idea de austeridade gratuíta; instale oficinas de farmacia nos centros de saúde e consegue varios obxectivos: crear emprego, dar os medicamentos nas doses exactas receitadas, incrementar o consumo de xenéricos e dispor de máis recursos para financiar a sanidade pública cos beneficios obtidos que, agora, van para ás farmacias privadas.

Para finalizar permítanme subliñar que a defensa da sanidade pública e os servizos públicos debera ser prioritaria para os sindicatos e a cidadanía. A reforma laboral é moi negativa pero se pode cambiar cunha nova lei en pouco tempo e sen ningún custe económico; sen embargo, a sanidade ou un ensino público deteriorados tardarase moitos anos en que funcionen correctamente cun custe económico  alto. Por elo deberíamos impedir que a Xunta de Feijóo consiga os seus obxectivos.
Suso Díaz foi secretario
xeral de CCOO-Galicia

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988