Sobre a licitación do novo hospital de Vigo

NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA DE VIGO

- O Presidente da Xunta engana aos profesionais da sanidade pública, ás institucións municipais da área sanitaria de vigo, aos usuarios e usuarias do Servizo Galego de Saúde e a opinión pública en xeral.

- A Xunta paraliza unha vez mais a inversión sanitaria en vigo.

- A Xunta confunde deliberadamente á cidadanía viguesa sobre a creación de postos de traballo.

- O Presidente Feijoo fai trampa e só mostra présa pola privatización.
 
- O Goberno galego promove un “pelotazo económico” das empresas concesionarias do novo hospital.

- A Xunta traslada a Galicia os modelos de demostrada ineficacia noutros países e comunidades autónomas.

- A Conselleira de sanidade, ex concelleira do concello de A Coruña, pon á sanidade viguesa no camiño da privatización, someténdoa ao ditado de Povisa; ningunea aos concellos da Área e moi especialmente ao Concello de Vigo, cunha iniciativa que non se atrevería a facer na súa propia cidade.

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da Área sanitaria de Vigo valora que os argumentos esgrimidos pola Xunta de Galicia para iniciar a Licitación da construción do Novo Hospital de Vigo, recorrendo á financiación e xestión privada, mediante a concesión de obra pública pretenden:

1.- Enganar á opinión pública ao afirmar:

 Que só a concesión de obra pública permite financiar e construír o Novo Hospital de Vigo. O goberno anterior aprobou que a Sociedade Pública de Investimentos fose a entidade responsable de financialo e construílo (ver documento adxunto) .

 Que a financiación do Novo Hospital de Vigo a través da SPI non estaba contemplado nos orzamentos de 2009. Nos Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia de 2009, para o período 2009-2011, contémplase unha partida de 300 millóns para esta finalidade (paxina 82 do devandito documento)

 Que as obras durarían 15 anos, xa que a Consellería de Sanidade e de Economía subscribiron o 26 de febreiro de 2009 un Plan Económico e Financeiro para financiar o Novo Hospital de Vigo nun período de 5 anos (do 2009 ao 2013) a pagar en quince (ver fotocopias adxuntas)

2

 Que a concesión de obra pública non significa privatización, xa que unha das condicións para que non consolide como débeda pública é necesario que a obra do hospital apareza no activo do balance da empresa concesionaria. Cómo chamamos entón que unha infraestrutura pública apareza no activo do balance dunha empresa privada?.

 Que a financiación a través da SPI xera débeda pública á Xunta de Galicia, cando a empresa pública GISPASA do Principado de Asturias, responsable da construción e financiación do Novo hospital Central Universitario de Asturias, GISCARMSA da Región de Murcia ou a BIG do Goberno austríaco non o fan.i. Ao cabo que se contabilice ou non como débeda pública non supón ningunha vantaxe real xa que hai endebedamento e haberá que pagalo ás empresas concesionarias a un prezo moi superior que ás Sociedades Públicas de investimento.

2.- Paralizar a inversión sanitaria en Vigo:

 As obras do Novo Hospital (con financiación pública) deberían haber comezado o pasado ano 2009 (demorando a súa construción polo menos 2 anos). Ao final deste ano 2010 debería estar executada o 40% da obra.

3.- Confundir á cidadanía ao afirmar que a construción do Novo Hospital de Vigo por medio dunha concesión de obra pública creará 2.400 postos de traballo:

 A construción dos hospitais públicos tradicionais non os creou? (En Lugo e Santiago construíronos un coro de anxos?), nin tampouco a construción dos financiados por empresas públicas? (non está creando postos de traballo a construción do Novo hospital Central de Asturias?)

4.- Facer trampa ao presentar por Trámite de Urxencia o Estudio de Viabilidade do Novo Hospital de Vigo:

 Deste xeito evitou ter que presentar un estudo comparativo das diferentes posibilidades de financiación e construción da infraestrutura pública xa que o Estudio de Viabilidade Ordinario esixe un estudo comparativo entre as diversas opcións de financiación. Esta présa e urxencia contrasta co atraso de dous anos para o inicio da obra.

5.- Favorecer un “pelotazo económico” ás empresas concesionarias afíns ao PP cun malgaste de recursos especialmente grave en tempos de crise e de restricións de inversión en sanidade pública:

 A Consellería pagará á concesionaria 1.566,4 millóns de euros : empezará pagando un canon anual de 55,5 millóns de euros que o último ano será de 141 millóns de euros. Ademais cédenselle ás empresas concesionarias uns ingresos de 256,1 millóns de euros por explotación comercial durante os 20 anos de concesión (sen que a Consellería perciba ningún canon pola concesión da explotación de ditos servizos). En resumo 1.108, 8 millóns máis que se se financiase pola empresa pública SPI.

3

6.- Trasladar a Galicia o modelo de financiación e xestión hospitalaria posto en marcha por Esperanza Aguirre en Madrid, Francisco Camps na Comunidade Valenciana ou Jaume Matas nas Illes Baleras:

 presidente da Xunta Núñez Feijoo pretende facer carreira política no PP beneficiando a empresas multinacionais e doutras CCAA interesadas nas magníficas oportunidades de negocio que supón a Concesión de obra Pública para financiar, construír e explotar hospitais. Ademais o volume dos consumos intermedios da sanidade galega repercute actualmente nun 90% en empresas galegas de produción e distribución de enerxía, comercio maiorista, transportes, telecomunicacións, intermediación financeira, actividades inmobiliarias e construción (a sanidade pública en Galicia contribúe á produción da economía galega cun 2% do total, superando a sectores como agricultura e gandería, pesca ou educación).

CONCLUSIÓNS

Ao presidente Feijoo, á Conselleira de Sanidade e á Xerente do SERGAS (ex directora do Sanatorio da Esperanza, do grupo POVISA) a mensaxe é clara: a cidadanía da Área de Vigo e as e os profesionais da nosa comarca perseveraremos e intensificaremos a nosa xa demostrada oposición a esta escandalosa privatización, que se inicia en Vigo pero continua en Pontevedra para estenderse a toda a sanidade pública galega.

Estenderemos esta protesta a todas as cidades e vilas de Galicia onde xorden día a día novas Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública e faremos ver ao goberno da Xunta que non toleraremos a privatización dunha Sanidade Publica da que o propio Rei afirma estar orgulloso.

A cidadanía da área de Vigo é consciente que son os votos a única linguaxe que este goberno entende. E tamén é evidente que as políticas de acoso a esta cidade a e ao sur de Galicia empezan a crearlles problemas. Seguiremos creándollos, non o dubiden.

Finalmente un anticipo para as empresas que teñan a tentación de presentarse como candidatas a construír e a explotar o noso novo Hospital: xa lles avanzamos que non nos resulta grata a súa pretensión e no futuro farémosllo saber con maior contundencia.

i Eurostat (pode verse o seu News Release nº 152002, de 31 de xaneiro) decidiu que o BIG é unha unidade institucional, debe ser clasificada dentro do sector “Empresas non financeiras”, e a súa débeda non forma parte da débeda pública xa que se trata dun problema de transferencia de riscos.

Atendendo ao disposto no artigo 112.6 da Lei de Contratos do Sector Público) Regulado polos artigos 112.1 e 112.2 da Lei de Contratos do Sector Público

Vigo, 13 de maio de 2010

PLATAFORMA PARA A DEFENSA DA

SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA DE VIGO

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988