Luces e sombras da reforma sanitaria de Obama... por Vicenç Navarro

O pactismo de Obama debilitou as reformas, baixo un argumento de “realismo”, detrás do cal está o conservadorismo dalgúns dos seus asesores principais. Por iso é polo que sendo un paso positivo, a reforma sexa aínda moi limitada. Os mellores plans de aseguramento propostos están a anos luz dos dereitos que calquera cidadán ou residente ten no Estado español.

Estados Unidos é o país do mundo que se gasta máis en sanidade, nada menos que o 16% do seu PIB, en atención sanitaria. Ningún outro país gasta tanto en sanidade como EEUU. En comparanza, Francia gasta un 11%, Reino Unido un 8,4% e España un 8,5% (esta porcentaxe inclúe gasto público e gasto privado). E, a pesar deste enorme gasto, 47 millóns de habitantes non teñen ningunha cobertura sanitaria (esta cifra é probábel que sexa, mesmo, maior ao non incluír o gran número de persoas naquel país que non están censadas), provocando a morte de 45.000 persoas ao ano como consecuencia de non recibir atención sanitaria, resultado de non ter aseguramento sanitario e non poder pagar a atención médica que necesitan.

En realidade, esta cifra (estimada polo conservador Institute of Medicine) subestima a mortalidade prevíbel que ocorre por non ter cobertura sanitaria. Un número máis realista é o calculado polo profesor David Himmelstein, da Universidade de Harvard, que calculou que o número de mortos debido á falta de aseguramento sanitario ascende a máis de 100.000 ao ano.

Ademais da falta de cobertura que afecta ao 16% da poboación censada, existen 62 millóns de persoas que teñen insuficiente cobertura sanitaria; é dicir, a súa póliza sanitaria cobre un numero moi reducido de servizos médicos, co cal, en caso de enfermidade, poden chegar a pagar ata un 10% ou máis dos seus ingresos anuais, en facturas médicas ás compañías de seguros, aos hospitais ou aos médicos que lles atenden. En realidade, o 60% das bancarrotas individuais que se dan en EEUU débense a persoas que se arruinaron como consecuencia de non poder pagar as súas facturas médicas. A carestía na cobertura sanitaria está tan xeneralizada, que o 42% das persoas que se están morrendo como consecuencia de ter unha enfermidade terminal, indican estar preocupadas por como elas ou as súas familias pagarán as súas facturas médicas.

Ningún outro país alcanza tal nivel de crueldade. E utilizo este termo con todo rigor. Insto ao lector a que imaxine unha situación semellante na súa propia familia e que pense na angustia de, mesmo nos momentos en que a persoa está morrendo, ter que preocuparse por como pagar os servizos sanitarios que recibe. Isto é o que ocorre en EEUU. É o capitalismo duro, sen luvas.

As causas destes enormes problemas
A que se debe esta situación? Pois precisamente a que aquel país ten o sistema sanitario que as dereitas no Estado español están pedindo: é dicir, que o sistema sanitario se privatice, e que os cidadáns e residentes, en lugar de pagar a súa atención primordialmente a través de impostos, o fagan a través de pólizas ás compañías de seguros sanitarios.

O problema co aseguramento privado é que as compañías de seguros son empresas con afán de lucro, que teñen como obxectivo optimizar os seus beneficios. Este é o obxectivo principal de calquera empresa con afán de lucro. Para tales compañías, atender as necesidades da poboación non é o seu obxectivo máis importante. É un obxectivo secundario; esta función é só relevante na medida en que lles sirva para mellorar os seus beneficios.

O seu obxectivo é, pois, a comercialización do medicamento. E os seus beneficios conséguense a base, por unha banda, de que as persoas que se aseguren en tales compañías de seguros privados paguen o máximo posíbel en pólizas e sistemas de copagamento e, polo outro, que tales compañías fornezan os servizos (contratando os provedores de servizos, tales como médicos e hospitais) ao mínimo número de persoas, o cal conseguen a base de seleccionar á poboación excluíndo a aquelas persoas, como anciáns e enfermos crónicos, que consomen máis servizos e recursos. Mesmo, en moitas ocasións, cando o doente desenvolve unha enfermidade crónica, as compañías de seguros expúlsanos do seu aseguramento. De aí derivan os seus beneficios.

Propostas de reforma: as alternativas
Un sistema xestionado maioritariamente por tales compañías de seguros, como o de EEUU, é enormemente ineficiente. Os seus gastos administrativos son enormes: o 31% de todo o gasto sanitario en EEUU é por custos administrativos (400.000 millóns de dólares ao ano), que inclúen as elevadísimas remuneracións e salarios aos directivos de tales compañías, ademais de gastos de supervisión, inspección, mercadotecnia e outros. Pero ademais de insuficiente, este sistema xestionado polas compañías de seguros é moi impopular.

Estados Unidos é o país da OCDE que ten unha porcentaxe maior da poboación que está insatisfeita co sistema de financiamento do sistema sanitario. E o 62% desexarían que houbese un sistema nacional sanitario financiado publicamente, que cubrise a toda a poboación. Esta proposta, que significaría a extensión do Medicare (o programa de financiamento federal que cobre os anciáns, que é sumamente popular) a toda a poboación, chámase single payer (o pagador único) ou Medicare for all.

Neste sistema, o goberno federal pagaría a maioría das facturas e negociaría directamente cos provedores (médicos e hospitais) o prezo dos servizos. Tal proposta é a máis popular (dúas terceiras partes da poboación a apoian), observación que require ser subliñada, pois Antonio Caño, correspondente de El País en EEUU (que frecuentemente idealiza o sistema político estadounidense) atribúe a ausencia dun programa sanitario universal en EEUU a que a cidadanía non o desexa, asumindo erroneamente que o Congreso de EEUU representa o sentir da poboación estadounidense (o 68% da poboación non cre que o Congreso representa os seus intereses). A evidencia de que a poboación desexa un cambio e que o financiamento do sistema sexa responsabilidade do Estado, é abafadora. O mesmo Presidente Obama cando foi Senador en Illinois apoiou tal alternativa, abandonándoa despois.

Esta proposta (que era a proposta dos sindicatos e da esquerda do Partido Demócrata), de se aprobar, significaría que cun gasto moito menor que o actual poderíase prover a toda a poboación de cobertura sanitaria. Así ocorreu en Canadá, país que tiña un sistema de financiamento da súa sanidade idéntico ao estadounidense ata que decidiu eliminar as compañías de seguros e deixar que fose o estado federal, xunto cos gobernos provinciais (homologábeis ás CCAA no Estado español), o que contratase tales servizos. A partir daquela, o gasto sanitario creceu máis lentamente en Canadá que en EEUU, á vez que a cobertura sanitaria aumentaba en Canadá, sendo hoxe moito máis completa que a de EEUU.

A pesar da popularidade do single payer (ou Medicare for all) e da súa lóxica, non foi posíbel nin sequera que se considerase tal opción nos debates do Congreso e iso como consecuencia do enorme poder que as compañías de seguros (que quedarían excluídas neste sistema single payer) teñen sobre o Congreso de EEUU.

A privatización do proceso electoral en EEUU significou que as compañías de seguro dean millóns e millóns de dólares a políticos do Congreso (incluíndo aos candidatos Barack Obama, Hillary Clinton e John McCain) para que se opoñan a que tal opción se considere. E non se considerou. O máximo que chegou a considerarse foi que houbese un aseguramento público (a opción pública) que competise co aseguramento privado, o cal tamén contou coa enorme hostilidade das compañías de seguros que terminaron por eliminala, e iso a pesar de que era outra alternativa tamén enormemente popular.

A reforma Obama
O que si se conseguiu foi que se limitasen algúns dos abusos máis extremos das compañías de seguros, prohibíndolles que excluísen a persoas con enfermidades crónicas, forzándoas a que aceptasen a todo tipo de persoas e patoloxías, ao cal as compañías se opuxeron, pero a presión popular sobre o Congreso forzou a que este aprobase tales limitacións.

Por outra banda, a reforma tamén significou unha extensión notábel do aseguramento privado, pois cubrirá a trinta millóns máis de asegurados, que hoxe non teñen ningunha cobertura, pagando pólizas que estarán subvencionadas, con vantaxes fiscais (como tamén propoñen as dereitas -tanto centrais, como periféricas- no Estado español), co cal os seus beneficios aumentarán considerabelmente. Por iso é polo que o prezo das accións das maiores compañías de seguros sanitarios, como AETNA, subironn de prezo -de 20 a 35 dólares- ao día seguinte de que o Presidente Obama asinase a Lei de Reforma Sanitaria.

A lei obriga a toda a poboación a que se asegure, da mesmo xeito que calquera persoa que teña un coche ten que aseguralo. Non é certo, polo tanto, que a lei universalice a atención sanitaria en EEUU (tal como, erroneamente, El País presentou co titular, en primeira páxina). Universalizar quere dicir que o goberno garante o dereito de que todo cidadán teña acceso aos servizos sanitarios.

Con esta lei o Estado non garante, o que fai é obrigar a que todos os cidadáns compren unha póliza de seguros. Non é, polo tanto, comparábel (como, tamén erroneamente, se dixo) á Seguridade Social ou ao Medicare, onde o goberno federal asegura e financia as pensións públicas (no primeiro caso) e a atención sanitaria (no segundo caso) aos anciáns. É máis, exclúe a 23 millóns de habitantes, persoas que debido á súa situación legal (inmigrantes sen papeis) ou nivel de pobreza non poden acceder a tales pólizas. Iso significará (utilizando a metodoloxía do Institute of Medicine) que continuará habendo vinte e tres mil mortos por falta de atención sanitaria en EEUU). Tampouco resolve o problema da limitada cobertura, de maneira que cabe a posibilidade de que os individuos continúen pagando ata un 10% dos seus ingresos para cubrir a atención sanitaria que non entra no aseguramento obrigatorio, podéndose arruinar neste proceso.

Non é, polo tanto, universalización da sanidade, senón unha expansión importante do sistema de aseguramento privado, con subsidios federais que facilitarán a compra das pólizas de seguro, nun sistema fiscal regulado, no que haberá catro tipos de aseguramentos con prezos de pólizas distintos segundo o seu nivel de cobertura. E tamén existirán limitacións en canto ao enorme diferencial de prezos (como que as pólizas dos anciáns non poderán ser máis de tres veces superiores que as dos mozos).

Toda esta regulación suporá un enorme crecemento dos custos administrativos e un elevado custo para as arcas do estado federal, feito que utilizou o Partido Republicano para se opor á reforma, argumento que ten escasa credibilidade provindo deles, posto que a alternativa máis eficaz en redución de custos sería a xeneralización de Medicare a toda a poboación, que é precisamente o inimigo número un dos Republicanos (os custos administrativos de Medicare son o 6%, comparado co 31% das compañías de seguros sanitarios privados).

Outro elemento importante da Lei é a expansión da cobertura, permitindo que os mozos estean cubertos co aseguramento dos pais ata que teñan 26 anos (ata o de agora só 22).

O financiamento farase primordialmente a base de:

- Un crecemento dos impostos sobre as pólizas de seguros, que sexan superiores a 10.200 dólares por individuo (32.000 millóns de dólares).

- Un aumento dos impostos sobre a industria farmacéutica (16.000 millóns de dólares). Esta cantidade non equivale nin ao 2% dos beneficios de tal industria.

- Un aumento dos impostos sobre as compañías de seguros (47.000 millóns de dólares).

- Un aumento dos impostos sobre as industrias de equipamentos (un imposto semellante ao IVE, incrementándose un 2.9%).

- Unha redución moi notábel da contratación de Medicare con compañías de seguros sanitarios (que aprobou o Presidente Bush).

- Un aumento dos impostos sobre as rendas superiores.

Unha última observación. A vitoria de Obama foi unha noticia positiva para o Partido Demócrata pois, en caso contrario, debilitaríase enormemente. Pero, o desexo do Presidente Obama de pactar cos republicanos levou a toda unha serie de concesións que debilitaron as propostas iniciais e que crearon unha protesta (liderada pola dirixente do Partido Demócrata na Cámara Baixa do Congreso, Nancy Pelosi) por parte da esquerda do Partido Demócrata, que se enfrontou frontalmente a Obama, esixíndolle que se mobilizase para aprobar a Lei sen apoio Republicano (o cal era doado de ver que nunca se deu).

As grandes ausencias da Lei que a maioría da poboación desexa -como a opción pública- (e que mesmo a maioría do Partido Demócrata aprobou na súa primeira proposta) foi unha concesión ás compañías de seguro que non era necesaria e debilitou a Lei. O pactismo de Obama debilitou as reformas, baixo un argumento de “realismo”, detrás do cal está o conservadorismo dalgúns dos seus asesores principais. Por iso é polo que sendo un paso positivo, a reforma sexa aínda moi limitada. Os mellores plans de aseguramento propostos están a anos luz dos dereitos que calquera cidadán ou residente ten no Estado español. Por iso é polo que sería un erro que no Estado español se visen estas reformas como relevantes para o noso país. Non o son, pois a súa aplicación significaría un enorme retroceso para a poboación española.

Agora ben, para EEUU, significa unha expansión dun sistema que é claramente deficiente e pouco equitativo. Así e todo, o punto de partida é tan deficitario que pode percibirse como un paso positivo. E así o percibe a poboación estadounidense. Segundo a enquisa máis recente (U.S. Today, 23/03/10) o 46% da poboación considera a Lei un paso adiante, aínda que aclaran seguidamente que deben facerse reformas máis profundas. O 40% oponse (e dentro deste 40%, o 20% oponse por crer que é insuficiente).

O proceso de reforma empezou. E como se desenvolva dependerá da correlación de forzas naquel país onde as dereitas están supermobilizadas e ata o de agora as esquerdas estaban decepcionadas. Veremos cal é o próximo paso.

[Artigo tirado do blog do autor, do 26 de marzo de 2010]

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988