As claves da privatización sanitaria de Feijóo

Artigo extraído de feijoomente.blogaliza.org

Á espera de ver como en febreiro de 2010 se concreten os pregos de condicións do contrato para a realización do novo Hospital Unico de Vigo, aproveitamos o día de Nadal para fornecerlle aos nosos leitores e leitoras algunhas claves da mecánica económico-financieira deste tipo de contratación.

Poñamos por caso que facer o novo hospital de Vigo coste 60 millóns de euros.

Iso significa que a empresa concesionaria terá que adiantar esa financiación, negociando o crédito nos mercados financieiros e bancarios. Tal e como está o panorama, o custo financieiro dese préstamo será realmente elevado.

Unha vez realizado ese gasto, e inaugurado o hospital - poñamos de novo por caso - en 2013, a empresa concesionaria deberá tamén facerse cargo do gasto corrente do edificio. A canto pode ascender isto?

Tomemos como parámetro o orzamento de gasto corrente dun hospital de tamaño similar, o CHUAC, para 2010 (Vigo non pode ser, obviamente, menos que A Coruña...), e limitémonos ás partidas previstas na nota de prensa da Consellaría de Sanidade, deixando fóra as subministracións de material sanitario:

- 212 (reparacións, mantemento e conservación do edificio): 2.000.000 €.
- 213 (maquinaria, instalacións e utensilios): 5.000.000.
- 221.00 (enerxía eléctrica) 2.500.000 €
- 221.01 (auga) 350.000 €.
- 221.02 (gas) 30.000 €.
- 221.03 (combustibles) 1.500.000 €.
- 223 (transportes): 1.200.000 €
- 227, gastos de limpeza, seguranza, gastos postais): 17.000.000 €.

A suma de todo este gasto corrente é de 29.580.000 millóns de euros anuais. Isto, sen contar os gastos de persoal que deberá afrontar a empresa para xestionar todos estes aspectos (supoñamos, con salarios inframileuristas segundo convenio que corresponda, 3.000.000 €).

Ou sexa, que durante os trinta anos de duración do contrato, a empresa deberá amortizar o principal e abonar os gastos financieiros dun préstamo de 60 millóns de euros; a maiores, cada ano deberá afrontar o pagamento de 30 millóns de euros de gasto corrente, amén dos gastos de persoal.

Como as empresas non son monxas da caridade, cabe preguntarse de onde vai sair o ingreso para afrontar tamaño nivel de gasto da empresa?

Pois ben, os ingresos neste tipo de contratos proveñen de dous tipos de fontes:

1.O canon que abona a Administración anualmente á empresa (o denominado peaxe en sombra no caso das concesións de obra pública tradicionais para facer autoestradas) para manter o equilibrio económico-financieiro do contrato. Un canon que se abona desde o orzamento público, recadado, obviamente, vía impostos a todos os contribuíntes, pero que, ademáis, non computa como déficit público a efectos do Sistema Europeo de Contas, pois irá orzamentado como gasto corrente financieiro ou como gasto de investimento (non sei como o van meter). Todo un choio nesta época en que o déficit público se dispara: Feijóo, como bon reaccionario, volve ás maquillaxes do déficit da señorita Pepis, ás que tanto xa nos acostumara o PP na época en que había que entrar "sí o sí" nos criterios de converxencia europea.
2.A explotación dos servizos do ben inmoble por parte da emmpresa: cafetaría, floristería, reprografía, arquivo, aparellos de televisión nas habitacións, expendedores de bebidas e comida en planta, e todo o que poda ser explotado pola empresa licitamente ao seu risco e ventura. Unha explotación que pagará, obviamente, o usuario do servizo público.
En resumidas contas: unha hipoteca a 30 anos para o conxunto do contribuínte, e unha porta aberta á sobreexplotación mercantil dos servizos públicos máis básicos dunha sociedade moderna, como son os hospitais.

Eis o verdadeiro modelo de Feijóo.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988