Milleiros de persoas manifestáronse a prol da Sanidade Pública o pasado día 27 en Ferrol



Albúm fotográfico de Fuco Buxán
Albúm fotográfico de Susete 70

Na prensa:
http://ferrol360.es/cientos-de-personas-se-manifestaron-en-ferrol-en-defensa-de-la-sanidad-publica/
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2013/06/28/cientos-personas-denuncian-privatizacion-sanidad/0003_201306F28C4991.htm
http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/miles-de-personas-se-manifestaron-ayer-contra-los-recortes-en-sanidad-y-educacion/20130627221838051073.html


Manifesto lido por Xosé Miguel López Pérez, compoñente da Plataforma, ao remate da manifestación:


Boas tardes a todos e a todas recibide un saúdo no nome das 50 entidades que conforman a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.

Non estamos solos, hoxe e un día de loita en toda Galicia contra os recortes, as privatizacións e o repago, en definitiva, contra o desmantelamento que está a facer o Partido Popular e o Goberno de Núñez Feijoo desde a súa chegada a Xunta de Galicia no ano 2009.

O mesmo ocorre en Madrid, onde a cidadanía e os profesionais da sanidade levan meses de loita, en Valencia e Castela-A Mancha.

As políticas neoliberais pretenden utilizar a crise, que eles mesmos crearon, para convencer de que o Sistema Sanitario Público é insostible.

Esa mesma canción están aplicando ao Sistema Público de Pensións, tamén din que é insostible.


Detrás de esas informacións falsas so se esconde o negocio para os seus amigos, a Banca, as aseguradoras e as empresas farmacéuticas.


O sistema sanitario público é sostible como tamén o é o sistema público de pensións .

En Galicia moitos máis recortes utilizan a escusa da crise:

· Reducción do orzamento sanitario público en 1000 millóns de euros en tres anos.

· Recortes de dereitos, recursos e servizos asistenciais.

· Desmantelamento das áreas e dos servizos.

· Privatización de moitas parcelas do sistema sanitario público.


En Atención Hospitalaria:

· Paralización da actividade dos hospitais pola tarde.

· Desviación de doentes a centros privados.

· Incremento das listas de espera ( Un 30% en tres anos ).

· Privatización da xestión do Novo Hospital de Vigo.

· Abandono da ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra.

· Paralización dos Planos Directorios de 7 hospitais para reformar os servizos deteriorados, entre eles o de Ferrol.

· Paralización da construcción de 6 Centros de Alta Resolución.

· Peche dos laboratorios dos Hospitais Comarcais.


· Centralización na empresa privada das probas analíticas e innovadoras.

· Creación dun Anel Radiolóxico, suprimindo radiólogos nas urxencias dos Hospitais Comarcais.

· Cesión á Sociedade Anónima Galaria da xestión e equipamento tecnolóxico dos Hospitais Públicos.

· Mantemento do Concerto Singular co Hospital Privado Povisa que é o que ten as maiores listas de espera de Galicia.



Privatización de Servizos Centrais da Consellería de Sanidade e Sergas


· Central de chamadas 112.

· Plataforma Informática.

· Central de Compras.

· Almacenamento e distribución.

· Concursos de selección de persoal.

· Desmantelamento das Áreas sanitarias do Salnés, Barbanza, Monforte e o Barco de Valdeorras, para deixar paso á sanidade privada.

· Peche de 5 centrais de ambulancias e 1 UCI móbil.

· Reducción de prazas de persoal sanitario e non sanitario: Xubilación forzosa aos 65 anos, repoñendo só o 10%, o que supón só en facultativos unha perda de 1700 persoas.

· Precarización das condicións de traballo do cadro de persoal do Sergas, cunha importante reducción salarial e de dereitos, non coberturas por baixas ou ausencias e volta aos contratos lixo por días e mesmo por horas.


ATENCIÓN PRIMARIA.


· Abandono do Plano de Mellora en Atención Primaria: Supresión de 915 novas prazas e paralización da construcción de 66 novos centros de saúde.

· Absorción da Xestión da Atención Primaria por Hospitais, a chamada Xestión Integrada.

· Relegar a Atención Primaria a ser a portería dos hospitais para que poidan seleccionar aos doentes en función dos intereses dos hospitais privados.


Co Real Decreto 16/2012 establecen:


• Copago receitas das/os pensionistas

• Copago de próteses, ortopróteses, cadeiras de rodas e trasporte non urxente en ambulancias.

• Supresión do dereito á atención: mozos/as de máis de 26 anos que non teñan cotizado, amas de casa divorciadas, inmigrantes sen papeis( criminalizándoos e culpandoos de que colapsan a sanidade o que é outra mentira máis).


Agora establecen que, con independencia dos ingresos das persoas, van ter que adiantar o custo íntegro das próteses, cadeiras de rodas, etc, moitas veces miles de euros, e logo agardar que o Sergas reintegre a cantidade a que se teña dereito, sen establecer prazos para esas devolucións. Persoas con pensións baixas e salarios baixos, non esquezamos que en Galicia temos as pensións e os salarios máis baixos do Estado, van ter que afrontar, ademais do repago farmacéutico, o adianto dos cartos para próteses. Quererá Núñez Feijoo volver aos tempos en que a xente andaba cunha pata de pau?


Coa chamada Lei de Garantías so se pretende:


· Compensar o desgaste do Goberno da Xunta de Galicia fronte aos recortes en sanidade e o incremento das listas de espera.

· Descapitalizar o sistema público facilitando aos centros privados a provisión de servizos custeados con diñeiro público.

· Recortes en Hospitais Públicos que producen:

o Incrementos na derivacións a centros privados.

o Aumentos nas listas de espera.

o A metade dos doentes en lista de espera están en listas ocultas, as non estruturais.

o Moitas listas se pechan por tempo indefinido para que eses doentes non computen.


As consecuencias da aplicación da chamada Lei de Garantías son:

· A descapitalización dos centros públicos que deberán compartir o orzamento hospitalario con centros privado.

· Atraerá a multinacionais sanitarias como Capio ou Ribera Salud en mans de fondos de capital risco internacional, ao garantírselles a clientela.


E unha carga de profundidade contra o actual modelo sanitario ao impedir:

· A planificación dos recursos en función das necesidades de cada zona.

· A equidade polo nivel de renda ou lugar de residencia.

· O traballo en equipos multidisciplinarios.

· A integralidade da Atención Sanitaria.

· A coordinación entre os distintos niveis asistenciais.

· Supón unha manobra de marketing político xa que simula unha oferta de dereitos, imposibles de cumprir no marco de recortes orzamentarios, de recursos humanos e asistenciais.

· É unha tapadeira para camuflar a decapitalización dos centros públicos en beneficio do sector privado.

· Atenta contra a universalidade, integridade, equidade, racionalidade, calidade e eficiencia.


En definitiva con esta Lei Trampa chamada Lei de Garantías o que se pretende e poñer unha cortina de fume diante da política do Partido Popular de descapitalizar o sistema sanitario público.


Un novo recorte en dereitos é a supresión ou modificación da Lei do Aborto que, a demanda de Rouco Varela, ven a supoñer un retroceso nos dereitos das mulleres a poder decidir por elas mesmas


Na Área Sanitaria de Ferrol tense paralizado o proxecto de investimento de 63 millóns de euros en tres anos para a actualización do antigo Hospital Naval.

Tense paralizado o Plano Director do Complexo Hospitalario.

Aínda están en obras o Centro de Saúde de Serantes e das Somozas.

Os centros de saúde de Ares, Cedeira, A Capela e Narón xa tiñan que estar rematados.

O proxecto de ampliación do Fontenla Maristany está esquecido.

Quedamos fora do mapa de Novas Tecnoloxías.

Se producen peches de camas nos meses de verán o que está producindo colapsos en Urxencias con esperas de 48 horas para ingresar, precisamente pola falla de camas.

Pecháronse os consultorios da Graña e O Seixo e xa se fala de novos peches.

Se pretende pechar o Hospital Novoa Santos, coa escusa de cederllo á Universidade, que non o precisa, mentres se mantén un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais.

No Hospital Novoa Santos tense que construír o Centro de Referencia de Enfermidades Profesionais de Galicia, que de tratamento a todos o que están afectados por enfermidades profesionais como sucede nesta comarca con milleiros de persoas por culpa do amianto. Tamén ten que dar cabida a entidades socio sanitarias ás que se está levando á súa desaparición como Asfedro, Lazos, Aspanes e outras, para que poidan desenvolver o seu importante labor asistencial. Teñense que crear camas de enfermos crónicos e pluripatolóxicos o que posibilitará que, xunto coa potenciación da Atención Primaria, se colapsen as urxencias do Arquitecto Marcide.

Quen pode entender que se peche un Hospital Público, o Novoa Santos, e se manteña un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais?


Ademais se permite que persoal da sanidade pública preste servizo en centros concertados, atendendo a doentes do concerto, o que é absolutamente ilegal e que a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública estamos debatendo de poñelo en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción.


Poderiamos seguir falando dos moitos recortes e privatizacións que se están a producir na Sanidade Pública desde o ano 2009, moitos deles non son percibidos pola maioría da sociedade, pero non acabariamos nunca, porque a lista é moi longa,


Coa actual Xunta de Galicia as privatizacións, recortes, repagos, diminución dos dereitos de usuarios e de traballadores, vai continuar, polo que a continuidade das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública faise máis necesaria que nunca, por que é preciso facerlle fronte a esas políticas cunha mobilización continua e sostida no tempo, como están a facer noutras partes do Estado Español e como hoxe estamos facendo en moitas partes de Galicia.


Por que é posible derrotar a esas políticas temos que seguir loitando de xeito unitario e continuo, tanto nas rúas como nos centros sanitarios.


A Sanidade Pública non se vende, se defende¡ A Saúde non é un negocio¡


Moitas grazas.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988