Nota de prensa da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol sobre o servizo de Urxencias do CHUF

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol queremos denunciar os continuos colapsos no Servizo de Urxencias do CHUF, que en caso ningún teñen que ver cun pico de gripe, nin son puntuais, como afirma, tratando de escorrer o vulto o Xerente D. Angel Facio.

Como xa manifestamos na mobilización do pasado domingo 3 de marzo, son os continuos recortes en financiamento do Partido Popular os que están provocando unha diminución na calidade asistencial e na prestación de servizos que, a pesar dos interese e dedicación dos traballadores e traballadoras e imposible suplir con esforzo humano.

Os continuos recortes en Atención Primaria, nos últimos tres anos máis de 100 millóns de euros, e o abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria comprometido polo Goberno Bipartito e non aplicado polo Goberno do Partido Popular son os que fan que doentes crónicos e polipatolóxicos que, con os recursos necesarios poderían ser, maiormente, atendidos nos seus domicilios polos seus médicos de familia e polo Servizo de Atención a Domicilio, colapsen as Urxencias nos Hospitais de Agudos como está a ocorrer nos últimos meses e cada vez con máis frecuencia, en Vigo, A Coruña e tamén en Ferrol. A falla de Orzamento para a construción dos novos centros de saúde de A Capela, Cedeira e Narón e a ampliación do Fontenla Maristany, a finalización do de Serantes e As Somozas e o peche dos consultorios da Graña en Ferrol e o Seixo en Mugardos son máis recortes na Atención Primaria.

O Xerente da Área de Xestión Integrada de Ferrol, D. Angel Facio, manifestou en repetidas ocasións que non ía escatimar esforzos para dotar esta Área do cadro de persoal preciso para prestar axeitadamente os servizo. Se fose así o colapso das Urxencias do CHUF se solucionaría abrindo unha das plantas aínda pechadas do Hospital Naval, contratando ao persoal necesario.

Tamén aplicando unha política de substitución ao 100% do persoal, en Incapacidade Temporal, Permisos, Vacacións,etc, cousa que non está a suceder.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública volvemos a reclamar o investimento comprometido de 63 millóns de euros, en tres anos, para poñer a funcionar completamente o Hospital Naval.

Volvemos a reclamar que se lle dea contido asistencial ao Hospital Novoa Santos e DENUNCIAMOS novamente a permisividade da Administración, que coñece os feitos, que traballan na Sanidade Pública e na Sanidade Privada Concertada, o que é absolutamente ilegal.

DENUNCIAMOS a continúa presión que se exerce, unha e outra vez, sobre moitos doentes da lista de espera de cirurxía traumatolóxica para que se vaian a operar ao Juan Cardona. Nesta Plataforma recibimos denuncias constantes sobre esta práctica.

Tamén DENUNCIAMOS que cada vez se producen máis derivacións ao Juan Cardona de aqueles doentes supostamente “máis rendibles “ de curtos procesos e curtas estancias, deixando para que sexan atendidos na Sanidade Pública aqueles doentes crónicos, de maior idade e de procesos máis longos, que ao non ser atendidos nos seus domicilios polos médicos de familia, debido aos grandes recortes na Atención Primaria, acaban acudindo aos Hospitais de Agudos, colapsando os Servizos de Urxencias.

Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
Marzo de 2013.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988