En Galicia Hoxe
Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo. A convulsa situación que viven as entidades bancarias non lles permite participar nun negocio de porvir tan incerto como este. Os partidos da oposición xa reclaman o rescate para a financiación pública da obra e a xestión do novo hospital de Vigo. SOS Sanidade Pública ten feito numerosas manifestacións nese mesmo sentido. Haberá que volver atrás e reiniciar o camiño que se truncou no 2009 coa chegada do Partido Popular ao poder. Pero xa provocaron un dano irreparable á poboación da comarca de Vigo. Perdéronse catro anos por querer convertir a sanidade nun espazo de negocio na vez de procurar o beneficio dos cidadáns. Quen vai pagar este retraso?
A comarca de Vigo -con máis de 600 mil
habitantes- precisa, desde hai tempo, un novo hospital. O actual Hospital
Xeral quedou pequeno xa na década dos oitenta. A integración, daquela, na rede
asistencial do hospital privado Povisa (que atende a península do Morrazo e
parte de cidade), mediante un concerto particular costosísimo, representou un
atranco para a construcción do hospital central que a poboación precisa e
demanda.
O goberno progresista (2005-2009) dou os pasos
precisos, coa participación dos profesionais e da cidadanía, para impulsar a
construcción do novo hospital. Foi constituída unha Sociedade Pública de
Investimentos (SPI), que sería a encargada de xestionar e financiar o proxecto de construcción, que estaba previsto
iniciar en 2009 para concluír en 2013. A viabilidade económico-financeira do
proxecto estaba garantida.
Mais cando o
Partido Popular ocupou o poder na Xunta paralizou
este proxecto e substituíuno por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, empregado hai
anos no Reino Unido para a construcción e xestión dos hospitais, ten demostrado
ser menos eficiente e máis caro que a xestión pública. Provoca o deterioro da
calidade asistencial, xera problemas na xestión dos hospitais e representa un
paso importante de cara á privatizacion da sanidade. No caso de Vigo, ademáis,
ao proxectar un hospital máis pequeno do previsto, reforza a presenza e
continuidade de Povisa na rede asistencial como hospital de referencia para
unha parte importante da poboación da comarca.
Así pois, o novo hospital de Vigo será máis
pequeno, moito máis caro, de peor calidade construtiva e vai significar unha
severa carga hipotecaria para a
Consellería, que terá que pagar durante dúas décadas. Queda secuestrada unha
partida importante do orzamento sanitario e o Sergas fica refén da empresa
concesionaria. Unha vez construído o edificio, a empresa cobrará un cánon anual
á Administración en función da poboación atendida e explotará os negocios que
se crean darredor dun hospital (seguridade, aparcadoiros, limpeza, mantemento,
hostelería etc). Os gobernantes
de Galicia coñecen, con toda certeza, o nefasto impacto económico e social
producido por estas iniciativas en Valencia
e Madrid –que teñen a sanidade pública
na ruína-. Se, con todo o sabido, seguen o mesmo camiño non poden aducir
ignorancia. Saben a donde nos levan pero non desviaron o seu traxecto porque
hai intereses cruzados coas empresas concesionarias que ven na sanidade unha oportunidade
de negocio.
A UTE (Unión Temporal de Empresas)
que obtivo a concesión está integrada por constructoras
en bancarrota e bancos arruinados. A Consellería de Sanidade adxudicou o contrato a un
consorcio constituido polas constructoras Acciona, Puentes y Calzadas, Altair
Ingeniería y Aplicaciones, OCA (Obras, Caminos y Asfaltos) e por Conccesia
Cartera na parte financeira (formada polo grupo Ribera Salud, Caja de Ahorros
del Mediterráneo e Bancaja –agora integradas en Bankia-). Este banco ven de
recibir perto de 24.000 millóns de euros de diñeiro público, o que representa o
maior rescate dunha entidade bancaria na historia de España.
O informe técnico necesario para a adxudicación da obra á mencionada UTE elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos como xefe de servizos financeiros despois de abandoar Lehman Brothers,
e onde aínda traballa a filla da conselleira). O Sergas pagoulle por este
traballo 220.000 euros, aínda que o informe non aparece no expediente completo solicitado polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia, polo que os defensores da sanidade pública sospeitan que tal informe non existe.
Neste tipo de proxectos as empresas
adxudicatarias utilizan diversos mecanismos para obter máis beneficios. Un
deles é realizar sucesivas modificacións sobre o presuposto inicial. A UTE do novo
hospital de Vigo xa deu o primeiro aviso no mes de xuño: despois de facer a
cimentación reclamoulle ao Sergas un sobrecuste
de 8 millóns de euros por ter que improvisar solucións na obra “ante a
falla do estudio xeotécnico do solar”. Entenden que o estudio debía ser
facilitado polo Sergas como promotor da obra.
Pero a maior sorpresa deuse a
coñecer a finais do mes de agosto. A prensa dou noticia de que ningún banco accede a prestar diñeiro para o novo hospital. A propia concesionaria confesaba nun escrito que “a día de la fecha -4 de julio-, transcurrido
más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación
bancaria se ha visto cerrado”. A UTE é incapaz de obter nos mercados
financeiros os créditos necesarios para continuar a obra que iniciaron co 20%
do financiamento previsto, con recursos propios da concesionaria. Así
pois, a obra está parada. De
feito, no lugar da obra apenas hai actividade. Segundo os sindicatos xa
cortaron máis de cincocentos contratos e só quedan alí uns 50
traballadores
que se adican a tarefas de mantemento, sen que a construcción avance de
ningún xeito.
Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo. A convulsa situación que viven as entidades bancarias non lles permite participar nun negocio de porvir tan incerto como este. Os partidos da oposición xa reclaman o rescate para a financiación pública da obra e a xestión do novo hospital de Vigo. SOS Sanidade Pública ten feito numerosas manifestacións nese mesmo sentido. Haberá que volver atrás e reiniciar o camiño que se truncou no 2009 coa chegada do Partido Popular ao poder. Pero xa provocaron un dano irreparable á poboación da comarca de Vigo. Perdéronse catro anos por querer convertir a sanidade nun espazo de negocio na vez de procurar o beneficio dos cidadáns. Quen vai pagar este retraso?
0 comentarios:
Publicar un comentario