“A saúde como negocio” ... por Pablo Vaamonde

Neste tempo de incertezas sobre o noso futuro colectivo, Edicións Laiovento ven de publicar o libro “A saúde como negocio”, no que se describe a situación actual da sanidade pública, analízanse as actuacións realizadas polos actuais gobernantes e faise unha valoración das consecuencias negativas que estas intervencións poden ter para a sustentabilidade do sistema sanitario no porvir inmediato.


Trátase dun libro colectivo. Os seus autores son Mª Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey, Marciano Sánchez-Bayle e Pablo Vaamonde, todos eles persoas comprometidas coa defensa da sanidade pública. É un texto oportuno e necesario, que aporta información obxectiva, argumentos e análises para explicar como é posible facer outras políticas que, na vez de deteriorar e pór en risco o sistema público, procuren a súa mellora e consolidación.

De xeito didáctico e a grandes trazos podemos definir dúas posicións confrontadas en relación coa política sanitaria e a xestión dos servizos sanitarios públicos:
*Hai unha corrente progresista que entende a sanidade pública como un dos piares esenciais do estado do benestar, defende a atención sanitaria como un dereito dos cidadáns e promove o acceso aos servizos de forma universal e gratuíta, sen ningunha restrición. Esta corrente considera que o financiamento da sanidade debe realizarse cos impostos dos cidadáns e a prestación debe ser fundamentalmente pública, considerando o sector privado como subsidiario e complementario.
*Na outra banda existe un pensamento ultraliberal que considera que cadaquén debe acceder aos servizos sanitarios que poida custear persoalmente. Esta corrente, hoxe predominante, fixo circular nos últimos tempos unha argumentación elemental baseada en catro conceptos: a insustentabilidade do actual sistema sanitario, a utilidade de separar financiamento e prestación dos servizos para mellorar a eficiencia, a necesidade imperiosa de introducir o copagamento para o acceso aos servizos, e a crenza (non demostrada) de que a xestión da sanidade privada é mellor e máis eficiente que a pública.

Os autores deste libro partimos da hipótese de que as diferentes medidas adoptadas nos primeiros tres anos de goberno de PP en Galicia (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, limitación dos recursos destinados a investigación e formación profesional etc.) están enmarcadas nesta corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio (a construción e xestión dos centros sanitarios, o control da tecnoloxía sanitaria etc.) que permitan a grupos empresariais afíns apropiarse dunha parte importante dos orzamentos públicos.

Neste libro presentamos un conxunto de textos de carácter divulgativo, dirixidos a un público non profesional, que pretende describir e analizar as decisións políticas levadas a cabo polo PP no terreo sanitario dende que no ano 2009 ocupou o poder na Xunta de Galicia. Tamén se valoran as actuacións realizadas pola dereita noutras latitudes: Valencia, Madrid, Castela-A Mancha, Catalunya etc. Consolidando a ruta trazada nas autonomías o goberno de Rajoy, aos cinco meses de ocupar o poder en Madrid, tamén realiza severos recortes que danan gravemente a sanidade pública. O Real Decreto ley 16/2012 recupera o concepto de “asegurado”. Os inmigrantes e outros colectivos cidadáns quedarán sen cobertura sanitaria. Esta norma deixa ver ás claras a intención do PP de retornar ao pasado; devólvenos a unha sanidade dualizada: de seguir adiante coa súa política nos hospitais haberá unha porta para os ricos e outra para os pobres.

Este libro é unha achega seria e documentada, mais non imparcial; pretendemos expoñer argumentos e análises que sexan útiles (aos cidadáns e ás organizacións políticas, sindicais e profesionais) para comprender as estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia no terreo sanitario e o grave risco que representan para o futuro inmediato da sanidade pública. Poderá ser útil, tamén, ás distintas plataformas para a defensa da sanidade pública que, nos últimos tempos, están a traballar en distintos puntos da xeografía galega para evitar o desmantelamento dos servizos públicos, elementos clave do estado do benestar.

Pretendemos pór en evidencia, con datos e análises rigorosas, as políticas de deterioración dos servizos públicos que vén desenvolvendo o PP en Galicia e nas diferentes comunidades en que goberna. Por último, este libro quere ser unha contribución ao amplo movemento social que se está xerando en todo o Estado para frear esta dinámica destrutiva e privatizadora, que pon en grave risco a atención da saúde das futuras xeracións.

Pablo Vaamonde. Web persoal. Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988