Nota de prensa da Plataforma ao respecto dos recortes e a privatización da Sanidade Pública

                                     
CONTRA OS RECORTES E A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA.ANTE  A REUNIÓN DO CONSELLO INTERTERRITORIAL DO 18 DE ABRIL.

A crise, a redución do déficit e a falsa insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros). 

Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade. 
Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos.

Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:
·         Incrementar o repagamento farmacéutico segundo nivel de renda.
·         Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.
·         Repagamento por consultas e probas diagnósticas.
·         Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.
·         Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.
·         Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.
·         Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)
·         Eliminar fondos de cohesión interterritorial.
·         Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.
·         Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.
·         Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc. 

A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público.

Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos,  para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:
Concepto
Recadación copago
Aforro racionalidade
Reducir 50% os medicamentos innecesarios  >65 anos
70  millóns €
83  millóns €
Reducir 50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos
23  millóns €
66 millóns €
Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización
0 millóns €
27 millóns €
Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas
0 millóns €
263  millóns €
Reducir 10%  frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas
9,4  millóns €
23 millóns €
Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP
 44 millóns €
60  millóns €
Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios
4,5  millóns €
14,8  millóns €
Integración do mutualismo administrativo no SNS
4,5 millóns €
12,5 millóns €
Total
155 millóns €
549,3  millóns €

Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, integrada en SOS Sanidade Pública; facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol(SOS Sanidade Pública)
Ferrol, 17 de abril de 2012.
Asdo./ Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988