Nota de prensa da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol.



Saíndo ó paso das desafortunadas e sesgadas declaracións da Conselleira de Sanidade, efectuadas no día de onte os medios de comunicación


Queremos manifestar o seguinte:

  1. A Conselleira amosa un total descoñecemento sobre o que pasa na Sanidade Pública e máis concretamente no peche do Consultorio da Graña.
  2. Non é certo que se teña producido descenso da poboación adscrita o Consultorio da Graña que leva aberto desde 1940.
  3. Non é certo que a accesibilidade o Centro de Saúde de Serantes sexa máxima. Desde núcleos rurais como Liñares, Martín, San Cristobo, Brión, San Felipe, etc a comunicación, a través do transporte público, con ese centro de Saúde de Serantes e deficitaria e insuficiente e ningún dos autobuses conta con medios adaptados a discapacitados en cadeiras de rodas.
  4. Descoñece a Conselleira que o Centro de Saúde de Serantes, aínda que con anos de retraso, vai ser ampliado proximamente, debido o espazo insuficiente, e por mor das obras a calidade asistencial vaise ver mermada, moito máis se lle envían os 800 usuarios/as do consultorio da Graña.
  5. A Conselleira de Sanidade está utilizando unha sentencia xudicial, motivada por un erro administrativo do Sergas e da Consellería de Sanidade na oferta da praza e pola non comparecencia do Sergas e da Consellería de Sanidade no contencioso administrativo presentado polo facultativo que prestaba o servizo no Consultorio e contra o que os usuarios non teñen nada, para pechar unha instalación que leva 70 anos funcionando e que segue a ser absolutamente necesaria.
  6. A Conselleira non sabe que a maior parte da poboación atendida no Consultorio da Graña e maior de 65 anos.
  7. En Ferrol hai recorte nos servizos sanitarios xa que se pecha un Consultorio aberto nun local propiedade do Concello de Ferrol.
  8. A Consellería está incumprindo, de maneira unilateral, un convenio co Concello de Ferrol, polo que este facilita un local e se fai cargo da limpeza e do mantemento e a Consellería presta a asistencia sanitaria no Consultorio da Graña.
Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, pensamos que o Alcalde de Ferrol é o Xerente da Área Sanitaria teñen que informar mellor á Conselleira de Sanidade do que pasa, xa que as súas declaracións amosan un descoñecemento total da realidade e non admisible nun membro da Xunta de Galicia.

O Alcalde da cidade é o que ten a chave para que se arranxe a situación, conta co respaldo de tódolos grupos municipais de Ferrol, e ten que defender a reapertura inmediata, esta semana, do Consultorio da Graña. Non pode andar con medias tintas e ten que de maneira decidida defender esta instalación que está pechada por decisión política e non por necesidades asistenciais.

El é o alcalde de toda a cidadanía de Ferrol, é presidente da Fegamp e ten un peso importante dentro do Partido Popular. A decisión do peche é política e a decisión da reapertura ten que ser tamén política. A solución e doada e barata

O Alcalde da cidade non pode ser un mero transmisor dos acordos do Concello, ten que defender os intereses da cidade. Neste caso os intereses dos veciños e veciñas de A Cabana, San Felipe, A Graña e Brión.

É de dereito e é de Xustiza.

Ferrol a 7 de marzo de 2012.

Asdo./Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988