Intervención da Plataforma no Pleno do Concello de Ferrol celebrado hoxe

Deixámosvos aquí o texto completo lido hoxe por Lois Méndez, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, durante o Pleno do Concello de Ferrol no que se aprobou por unanimidade a moción presentada polos grupos municipais do PSOE, BNG e EU en contra do peche do Consultorio da Graña.


AO PLENO DO CONCELLO DE FERROL

Bos días Sr. Alcalde, bos días concelleiros e concelleiras de Ferrol, bos día a todos e todas.
Compartimos integramente a moción presentada ante o pleno e concordamos cos argumentos expostos.

Os veciños de A Graña, Brión, San Felipe, A Cabana, no Concello de Ferrol viñan desfrutando, xa desde o ano 1.940, dun Consultorio Médico e dende fai varios anos ubicado en instalación municipais, sendo por conta do Concello de Ferrol os gastos do subministro de auga, electricidade, limpeza, etc de tal xeito que dito consultorio non ten, en ningún momento, un custe de mantemento para o SERGAS, estas instalación municipais foron renovadas cunha importante aportación económica para desenvolver a actividade asistencial sanitaria no ano 2.001.

En Galicia existen máis de 125 consultorios periféricos para achegar os recursos sanitarios na atención primaria a poboación, na Área Sanitaria de Ferrol os de Ferrol Vello tamén neste concello, o de Maniños en Fene, os de O Val e Pedroso en Narón, e no concello de Ortigueira os de Mera e Espasante. Todos continúan coa súa actividade. Desde o pasado xoves día 1 de marzo o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) deixou de prestar asistencia sanitaria no consultorio periférico de A Graña, dependente do Centro de Saúde de Serantes, cesando deste xeito unha necesaria actividade asistencial que viña desenvolvéndose desde hai mais de 70 años.

Os veciños da Graña non están a pedir un servizo novo, nin tan sequera manter un servizo que lle supoña un custo engadido ó SERGAS, tan só solicitan o mantemento dun servizo de asistencia sanitaria que se viña prestando na localidade, que agora  ve gravemente reducida a accesibilidade ao sistema sanitario por mor do peche conculcándose os seus dereitos.

Tamén queremos desmentir algunhas informacións feitas dende o SERGAS:

Non é certo que se teña producido descenso da poboación adscrita o Consultorio da Graña. Non é certo que a accesibilidade o Centro de Saúde de Serantes sexa máxima. Desde núcleos rurais como Liñares, Martín, San Cristobo, Brión, San Felipe, etc a comunicación, a través do transporte público, con ese centro de Saúde de Serantes é deficitaria e insuficiente e ningún dos autobuses conta con medios adaptados a discapacitados en cadeiras de rodas, polo que maioritariamente estas persoas terán que desprazarse en Taxi co conseguinte aumento do custo para unhas persoas que contan tan só como ingreso a súa pensión, na inmensa maioría de escasa contía.

O Centro de Saúde de Serantes, aínda que con anos de retraso, vai ser ampliado, máis de 250m2 debido o espazo insuficiente. Ademais este centro esta a sufrir recortes na súa plantilla, máis dun ano sen traballadora social, sen unha enfermeira, sen un celador, e as ausencias do persoal por I.T., permisos, vacacións non se substitúen, ocasionado listas de espera para acceder ás consultas de médico, enfermaría ou  probas complementarias como analíticas, etc, e por mor das obras e falla de persoal a calidade asistencial vaise ver prexudicada, moito máis agora que se lle envían os 800 usuarios/as do consultorio da Graña.

1.    En Ferrol hai recorte nos servizos sanitarios xa que se pecha un Consultorio aberto nun local propiedade do Concello de Ferrol, existe unha falla de compromiso da actual Consellería de Sanidade coa área sanitaria de Ferrol: no ano 2012 o investimento nesta área e de só 68.000€ sendo a peor dotada nos orzamentos  de toda Galicia, o cal impide o investimento necesario para a adecuación do hospital Naval, esta Xunta de Galicia deixou sen efecto os 63 millóns de euros comprometidos é  necesarios para que esta área sanitaria non teña que desviar a centros concertados  de outras áreas sanitarias aos usuarios,  desapareceron dos orzamentos as partidas necesarias para a construción dos novos centros de saúde de Ares, A Capela, non existe aínda proxecto construtivo para o C.S. de Narón ou Cedeira, a Sra. Conselleira nunha visita feita a semana pasada a Ferrol fai unhas declaracións onde non sabe que uso vai ter o hospital Novoa Santos, agardamos que non sexa a venta ou uso desas instalacións con fins privados, posiciónase favorablemente polo copago (REPAGO) por receita, cobrando un novo imposto ou unha taxa, a cal rexeitamos rotundamente.

2.    O Alcalde da cidade é o que ten a chave para que se arranxe a situación, e demandamos deste pleno o apoio de tódolos grupos políticos  municipais de Ferrol, e ten que defender a reapertura inmediata, do Consultorio da Graña. Non pode andar con medias tintas e ten que de maneira decidida defender esta instalación que está pechada por decisión política e non por necesidades asistenciais. Sr. Alcalde, vostede é alcalde de toda a cidadanía de Ferrol, é presidente da FEGAMP e ten un peso importante dentro do Partido Popular. A decisión do peche é política e a decisión da reapertura ten que ser tamén política. A solución é doada e barata, ademais a saúde non ten prezo, hai que buscar os medios para non renunciar a un ben imprescindible, Ferrol non pode seguir perdendo cada día máis e máis polas decisións das distintas administracións, por iso avaliamos como insuficiente a proposta feita no seu conxunto polo Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ferrol, a descentralización feita polo concello dos servizos socio-sanitarios no eido rural e a implantación de programas de atención a enfermos a desenvolver polo SERGAS, son complementarios e nunca substitutivos da falla de atención sanitaria,  por iso continuaremos ata conseguir que se repoña a consulta médica na Graña, e seguiremos a demandar das administracións competentes unha resolución satisfactoria ao conflito xurdido por un erro do SERGAS,  da que os usuarios/as sofren ás consecuencias “Sr. Alcalde e concelleiros e concelleiras: os erros da administración xamais deben prexudicar aos cidadáns”.

3.    O SERGAS  ten as ferramentas necesarias ao seu dispor para repoñer de inmediato asistencia sanitaria no consultorio da Graña: dende a contratación a media xornada dun dos moitos médicos de familia que están en desemprego, ou a resignación de cupos (T.I.S.) ou aplicar a Lei de Saúde de Galicia, D O G do 24 xullo 2008,  Cap 3, Art. 115, Aptdo. 8 
“Sen prexuízo do posto de traballo do que o profesional acredite a súa titularidade e do ámbito determinado no seu nomeamento, os profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia consideraranse adscritos á área de saúde onde radique o seu destino”

4.    O Alcalde da cidade non pode ser un mero transmisor dos acordos do Concello, ten que defender os intereses da cidadanía. Ten que exercer de alcalde de todos os ferroláns pois para iso foi elixido democraticamente polos veciños é veciñas deste concello e ten que antepoñer os interese dos seus veciños ás decisións adoptadas na xunta de Galicia, pola Consellería de Sanidade (SERGAS) aínda que estean gobernadas polo Partido Popular ao cal vostede pertence.

5.     Sr. Alcalde exerza como o posto que ocupa neste concello e non como delegado territorial do Partido Popular en Ferrol, asumindo unha inxustiza por omisión na defensa dos dereitos, neste caso os intereses dos veciños e veciñas de A Cabana, San Felipe, A Graña e Brión.
É por todo iso que, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, que agrupa a cincuenta entidades asociativas, veciñais, de diversas patoloxías de enfermos, sindicatos, etc. e ademais integrante de S.O.S. Sanidade Pública.

Demanda:

Que por parte do alcalde de Ferrol co apoio por coherencia de todos os grupos políticos aos que solicitamos o seu voto favorable á moción presentada, que interceda perante a Consellería de Sanidade e perante o SERGAS para que estes organismos manteñan aberto o Consultorio Médico de A Graña en Ferrol, como ata o día 29 de febreiro, e non quede ningunha dúbida que nesa loita terannos da súa parte pois contamos coa forza da razón, por iso esiximos por dereito e xustiza, Médico na Graña XA!!!

Moitas Grazas.

Lois Méndez, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.
Ferrol, a 26 de marzo 2012.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988