Non o peche do Consultorio da Graña

Nota de prensa enviada aos medios:

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol  quere manifestar a súa total oposición ó peche do Consultorio da Graña que se vai producir, segundo recollen os medios, o vindeiro día 1 de Marzo.
Este peche, pese a que se di o contrario, é un recorte máis nos servizos sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol, que é a peor tratada de tódalas Áreas Sanitarias desde que o Sr. Núñez Feijoo preside a Xunta de Galicia.
Esiximos do novo Xerente da Área Sanitaria, Sr. Facio Villanueva, que manteña o Consultorio da Graña aberto, contratando ó persoal necesario para que así sexa. Non pode utilizar o cumprimento dunha sentencia xudicial para pecha unha instalación. Pensa o Sr. Facio Villanueva, seguir o camiño marcado polo anterior Xerente, Verde Remeseiro, de obediencia cega a canto mande a Consellería, aínda que eso supoña unha diminución de servizos e prestacións, e recortes de persoal na Sanidade Pública?.
O Sr. Facio Villanueva nin sequera comunicou á Comisión de Participación Cidadá da Área Sanitaria de Ferrol a decisión de pechar esa instalación que da servizo a centos de veciños e veciñas da A Cabana, A Graña, Brión e San Felipe.
Demandamos o comezo das obras de ampliación do Centro de Saúde de Serantes que teñen orzamento consignado, proxecto constructivo, e empresa adxudicataria para a realización das mesmas e que levan, pendentes desde o mes de setembro.
Esta Plataforma pola Defensa da Sanidade Publica nos poñemos a disposición das entidades veciñais de A Cabana, Brión, A Graña e San Felipe para programar as accións que se consideren oportunas para defender a continuidade do Consultorio da Graña.
DEMANDAMOS do Alcalde de Ferrol e de tódolos grupos municipais a defensa da continuidade do funcionamento do Consultorio da Graña e que non permitan que se executen, sen motivo nin razón, novos recortes sanitarios na  Área Sanitaria de Ferrol.
Ferrol, a 25 de febreiro de 2012.

Asdo./ Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988