Nota de prensa denuncia dos novos recortes en Sanidade

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol integrada na Plataforma SOS Sanidade Pública quere denunciar á opinión pública os novos recortes que nos orzamentos do 2012 que van afectar de maneira máis acusada á Área Sanitaria de Ferrol como xa sucedera no 2011 e como ven sucedendo desde que o Sr. Núñez Feijoo preside a Xunta de Galicia.

A Área Sanitaria ve como so lle asignan 68.000 euros para desenvolver o Plan Funcional de Investimentos o que vai impedir que o Hospital Naval poida actualizarse e facer que a Área Sanitaria Pública non teña que depender de concertos con Hospitais Privados e teña que desviar menos doentes á Área Sanitaria da Coruña.

Nos orzamentos do ano 2011, que xa supuxeron unha diminución, se lle asinaban á Área Sanitaria de Ferrol 600.000 euros para o Plano Funcional de Investimentos, e agora nove veces menos. Ese é o compromiso da Xunta de Galicia coa Área Sanitaria de Ferrol, que o Xerente aplaude e fronte ó que o alcalde da cidade de Ferrol non di absolutamente nada.

Tampouco existe compromiso orzamentario para a construcción dos novos centros de Saúde previstos: Cedeira, Narón, Ares e A Capela, estes dous últimos xa case tiñan que estar construídos. Segue paralizado o Centro de Saúde de As Somozas e xa veremos si se chega executar a ampliación do Centro de Saúde de Serantes.

A esto haille que sumar que a actual Xunta de Galicia eliminara os compromisos de investimento de 63 millóns de euros no Hospital Naval, anulara o Plano de Mellora de Atención Primaria, que ía supoñer un importante incremento de profesionais na Área sanitaria, o Plano de Saúde Mental e Drogodependencia, ademais de deixarnos fóra do Plano de Alta Tecnoloxía (Tacs, Resonancias Magnéticas, PET, Ecógrafos de Alta Resolución etc).

Peche de camas, xa desde o mes de xuño, incluso en Pediatría, cousa que non tiña sucedido nunca.

Vaise deixar sen ningún contido asistencial o Hospital Novoa Santos.

A todo isto temos que sumar os recortes en persoal, a non cobertura nas baixas, permisos, vacacións etc. A volta de contratos de luns a venres e moitos contratos a media xornada ou por horas para substitucións en precario pola ausencia dun profesional que desenvolve o seu traballo a xornada completa co conseguinte prexuízo para os usuarios.

A privatización de servizos de mantemento, compras e subministros, central de chamadas, etc.

Pola contra nos orzamentos da Xunta en materia sanitaria no ano 2012 a única partida que se incrementa é a dos concertos coa Sanidade Privada que pasan de 204 a 207 millóns de euros.

Tamén resulta absolutamente impropio e ilexítimo, aínda que sexa legal, o nomeamento como nova Conselleira de Sanidade a unha persoa que ten

moitos intereses na Sanidade Privada concertada,, Dona Rocío Mosquera, non hai que esquecer que estaba ligada ó grupo Povisa, con quen a Xunta de Galicia está negociando un novo concerto para os próximos 10 anos. O hospital Povisa na actualidade ten un concerto co Sergas de 72 millóns de euros anuais e e o que ten as maiores listas de espera de todos. E preciso lembrar que o novo Hospital de Vigo con financiamento e xestión pública e con 1500 camas ía custar 500 millóns de euros que é o que se lle paga a Povisa en 7 anos.

Temos que sumar tamén o cobro de 10 euros pola renovación da tarxeta sanitaria, a non prestación de asistencia sanitaria ós inmigrantes que leven menos de 183 días de residencia, o recorte a entidades asistenciais como Asfedro ou Lazos-Comité Antisida, o anuncio de cobro por receita, e polo transporte sanitario non urxente, ademais do anuncio feito polo presidente da Xunta de Galicia de cobro da comida hospitalaria , aseo e outros servizos como lencería etc.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, ademais de formular esta DENUNCIA, facemos un chamamento á mobilización constante en defensa do dereito a unha Sanidade Pública, Universal e Gratuíta( financiada a través dos impostos) e en contra dos recortes de das privatizacións.

Desde esta plataforma imos desenvolver un traballo intenso , nos próximos catro meses, de recollida de sinaturas a prol de Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa da Sanidade Pública, son precisas 15.000, e de explicación na rúa e nos locais das asociacións da seria e real ameaza que para a Sanidade Pública supón a Xunta de Galicia que preside o Sr. Nuñez Feijoo que pretende converter un dereito nun negocio como sucede en Madrid e en Valencia, que acaba de ser intervida polo Goberno do Estado.

Ferrol a 5 de xaneiro de 2012.

Asdo./ Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf
 

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988