Sanidade pública? ... por Susana de la Gala

Pois apañados estamos. A Seguridade Social e as entidades autónomas de Saúde están estudando o co-pago. Eu asinei contra esta iniciativa en Madrid, onde Esperanza Aguirre vai á cabeza na privatización da xestión dos centros, e ademais ten maioría parlamentar para facer o que queira ou lle conveña. Por outra banda, sae nos medios a nova de que se estás 90 días sen cotizar tes que solicitar unha nova tarxeta sanitaria. Burocracia? Non, dependencia. Hai unha fórmula para os que non cheguen ao salario mínimo, algo así como sanidade para probes, aínda que coas mesmas prestacións, e outra para se incluír na prestación sanitaria dos pais -se viven-, irmáns -se cotizan- ou parella con traballo estable. Como cando tiñamos 16 ou 17 anos. Só que agora, se non xestionamos algunha destas solucións, cóbranos o custe da atención médica. 

Que a Seguridade Social non pode soster as pensións é cousa que veñen repetindo dende que as crianzas do 'baby boom' atopamos que, con carreira universitaria ou sen ela, non atopabamos un posto de traballo (non cotizabamos) e estaba de moda pre-xubilar. Cantos gastos gastarían en subvencionar vacacións pagadas a persoas con capacidade e calidades para seguir traballando. Desbotar a quen ten 55 anos foi un erro histórico. A crise dos primeiros 90, paliada coa Exposición Universal de Sevilla e as Olimpíadas, foi tamén subvencionada. Se traballabas 6 meses nas súas instalacións cobrabas paro. 

Daquela eu vivía en Ferrol e dende alí marcharon mozos e mozas para cotizar por primeira vez.
Teño un pouco oxidada a Ética -fermosa materia da carreira que ademais ten resposta para case todo. Mais sospeito que debe ser pouco ético pasar á cidadanía os erros de xestión da clase política. No canto de estado de benestar, cedo teremos que teorizar sobre a sociedade do malestar.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988