A CRISE E A SANIDADE ... por Suso Díaz

A crise caracterízase no fundamental polos efectos negativos sobre a poboación, pero ben sexa porque están próximas as eleccións ben porque aos gobernos aínda lles queda un pouco de sentido común, temos que nos alegrar das medidas adoptadas a semana pasada en materia de sanidade. Refírome ao acordo do Consello Interterritorial de Saúde para que as e os médicos prescriban os medicamentos por principios activos e non pola marca comercial e as farmacias dispensen os medicamentos de menor prezo e, en igualdade de prezo, o xenérico. O aforro no Estado calcúlase en dous mil millóns de euros ao ano; Andalucía, pioneira na súa implantación, xa ten aforrado con esta medida mil millóns de euros na última década. Mentres nesta autonomía o 90% das prescricións fanse por principios activos, no estado só o 40%.
 
Permítanme unha pregunta inxenua: por qué o PSOE non implantou esta medida en 1982 ou por que non o fixo o PP cando Feijóo era responsable do Sergas ás ordes do seu padriño político Romay Becaría? Dunha cousa estou seguro, non foi por incompetencia senón polo afán de favorecer aos laboratorios en prexuízo da sanidade pública. Exercicio para especialistas: canto se tería aforrado con esta medida nos últimos 30 anos ou, si queren, canto se deixou de investir para mellorar o sistema público sanitario e achegar os nosos parámetros aos da UE-15? Si, deberíamos pedir responsabilidades aos gobernos por non ter tomado unha medida tan lóxica hai anos. Parece incrible que se poda danar o patrimonio público –neste caso, a sanidade– sen que iso teña consecuencias para os (malos) xestores.
 
É incrible tamén que os gobernos deixen case en exclusiva ao sector privado todo o que se refire a investigación e elaboración dos medicamentos. Ninguén nega que hai avances na calidade de vida dos enfermos ou na cronificación de enfermidades que antes eran mortais pero dende os laboratorios privados non as van curar por unha razón obvia: o seu obxectivo é obter beneficios e se as curan rematan co seu negocio. Por iso non entendo que os estados non creen Centros  de Investigación Farmacéutica para descubrir medicamentos que erradiquen as enfermidades.
 
Outra medida que se debería ter tomado é a constitución dun Centro Estatal de Compras –coa participación das autonomías– para o sistema sanitario. Cal sería o aforro global? Moito, incluso en cousas aparentemente miúdas; por exemplo, canto se aforraría se os panos de papel ou a auga mineral se compran dende un centro único? É outra medida lóxica e fácil de tomar que daría lugar a un aforro importante pero, sobre todo, a unha xestión racional e coherente do diñeiro público. Do mesmo xeito, os medicamentos deberíanse dispensar nos centros de saúde nas doses exactas receitadas polos médicos o que significaría un novo aforro.
Hai outras disfuncións; hai tempo que as Plataformas de Defensa da Sanidade Pública veñen denunciando o aumento do gasto consecuencia das deficiencias organizativas, a sobreutilización da tecnoloxía, que só está xustificada nun 30%, ou polo escaso investimento na primaria –Feijóo ten paralizado o acceso a uns mil médicos pactado entre o bipartito e os sindicatos– que provoca unha maior utilización dos hospitais e un aumento dos custos.
 
Levamos meses asistindo a unha campaña de intoxicación nos principais medios de comunicación sobre a suposta insostibilidade da sanidade pública co obxectivo de privatizar os sectores máis rentables. Minten, a sanidade é sostible; en Galicia o problema é o recorte orzamentario da Xunta, a privatización de  determinados servizos e a potenciación dos concertos co sector privado. E isto fano só por motivos ideolóxicos: a dereita non cre no público e, por tanto, favorece os servizos privados. Por iso, deberíamos estar vixiantes para impedir a privatización do sistema sanitario público.
 
SUSO DÍAZ FOI SECRETARIO XERAL DE CCOO-GALICIA

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988