Repago sanitario ... por Xosé Miguel López Pérez

Coa chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia, comeza unha campaña para implantar en Galicia, desta vez coa escusa da crise económica, modelos privatizadores da Sanidade Pública que este partido político xa viña aplicando, con resultados desastrosos tanto no económico como na prestación da asistencia sanitaria, en Valencia e, sobre todo, en Madrid, modelos que xorden na época de Margareth Thacher no Reino Unido e que levaron a sanidade nese Estado a unha situación que o actual mandatario o Sr. Cameron, do mesmo partido conservador, quere reverter por mor do seu estrepitoso fracaso.

Agora o Sr. Feijoo e algúns economistas centran a súa cruzada no establecemento do repago sanitario por que o sistema , segundo o Sr Feijoo é insostible e favorecer así ás aseguradoras privadas.

Sabe moi ben o Presidente da Xunta de Galicia e a Conselleira de Sanidade que a Sanidade Pública xa se paga a través dos impostos que cada un de nós aporta á Facenda Pública. Tamén sabe que hai copago nas receitas de farmacia onde se paga o 40 % do seu valor de referencia, ben é certo que os pensionistas, neste concepto, non pagan nada, con independencia da contía da súa pensión, e este tema si que pode ser obxecto dun debate sereno.

Pero ademais o Sr. Feijoo da por feito que o sistema insostible e ademais fai culpables ós usuarios polo mal uso, que segundo el, fan do sistema sanitario publico de que sexa insostible.

Non di nada de que a culpa sexa por como o seu Goberno xestiona a Sanidade Pública, de como ceden ás esixencias e presións continuas da industria farmacéutica, dos escandalosos beneficios que obteñen as Mutuas de Accidentes de Traballo, que cada vez teñen máis poder na xestión das baixas, , a conta de cargar o custo á Sanidade Pública de enfermidades profesionais, que presentan como enfermidades comúns. No ano 2010 tiveron uns beneficios de 5.000 millóns de euros. E sobre todo o que non di é o escaso orzamento que se dedica á Sanidade Pública, no Estado Español é onde menos diñeiro se dedica dos países da UE e Galicia estamos nos furgóns de cola.

Cumpre sinalar que nos orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2011 os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, por vez primeira desde que a sanidade está transferida, diminuíron considerablemente.

Sr Feijoo a súa mala xestión e os escasos recursos que a Xunta de Galicia lle dedica á Sanidade Pública é a que pode facer insostible un sistema que é perfectamente sostible, para quen cree nela que non é o seu caso, unha Sanidade Pública que é un dos máximos xeradores de emprego en Galicia.

Noutra ocasión falarei do compromiso, ou mellor dito da falla de compromiso que ten Vostede e a Conselleira de Sanidade, Dona Pilar Farjas, coa Área Sanitaria de Ferrol.

Ferrol a 15 de xullo de 2011.
Asdo./ Xosé Miguel López Pérez, portavoz da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988