Nota de prensa sobre o COPAGO no transporte sanitario


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol DENUNCIAMOS:

Que o Decreto 11/2011 do 20 de xaneiro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o transporte sanitario, deixa a porta aberta para que os usuarios paguen o servizo de transporte, o que afectaría de maneira moi importante ós doentes de diálise, tratamentos oncolóxicos e hematolóxicos, rehabilitación, etc.

En Galicia temos dous tipos de transporte sanitario: Urxente(xestionado pola Fundación Pública 061) e Programado, contratado porcada unha das xerencias dos complexos hospitalarios galegos (para realizar traslados interhospitalarios e altas hospitalarias) e polas Direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde(para realizar traslados a diálise, radioterapia, quimioterapia, consultas de especialistas, rehabilitación, etc).

O desenvolvemento deste decreto vai supoñer unha diminución nos servizos sanitarios que se viñan prestando á cidadanía e un recorte en persoal de preto dun terzo. As pretensións da Xunta de Galicia, cando asine os novos contratos para a prestación de servizos de transporte sanitario que se teñen que asinar este ano, son de facer recortes en materia de transporte, con grave prexuízo para os usuarios na calidade e cantidade de prestación do servizo.

Estes recortes se traducen en:
1. Facer desaparecer a obriga de pago da ambulancia, por parte do Servizo Galego de Saúde, trasladándolle o custo ó usuario.
2. Trasladar en autobuses do 065, que non están acondicionados, para ese fin, nin contan con persoal formado para ese traballo a doentes que van a tratamentos de diálise ou rehabilitación, por exemplo.
3. Deixar ambulancias medicalizadas sen técnico axudante. Cando na actualidade hai catro persoas, pasarán a tres.
4. Deixar as ambulancias de nova creación (sanitarizadas e 4x4) sen técnico axudante.
5. Diminución do servizo de ambulancias, desaparecendo o transporte sanitario universal, convertendo a Galicia na Comunidade máis precaria en transporte sanitario de todo o Estado.

Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, DENUNCIAMOS: que esta medida de COPAGO do transporte sanitario, se poñerán en marcha logo das eleccións municipais e van a afectar de maneira moi negativa a tódolos usuarios, especialmente os doentes crónicos como os de diálise, que precisan de facer uso do transporte sanitario. Non sería popular implantala cando hai un proceso electoral ás portas .

Chamamos ó conxunto da sociedade e especialmente ás asociacións de enfermos de doenzas crónicas, a denunciar as intencións da Xunta de Galicia de comezar a implantar o COPAGO comezando polo transporte sanitario e seguramente extendendoo a outros servizos, como xa se pretende en Comunidades como Madrid e Valencia, como a comida hospitalaria, lavandería, etc. É preciso mobilizar o conxunto da sociedade para parar este novo atropelo ós dereitos consolidados dos usuarios da Sanidade Pública.

A actual Xunta de Galicia pretende converter o que é un dereito universal e público como é a Sanidade nun negocio.

Ferrol a 14 de abril de 2011.
Asdo./ Salustiano Gómez e Xosé Miguel López, portavoces da Pdspf

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988