Nota da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

NOTA DE PRENSA ASOCIACION GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA SOBRE PRETENSION XUNTA DE PÓR TEITO A FINANCIACION PRIVADA INFRAESTRUTURAS PUBLICAS

O portavoz de Economía do Grupo Popular no Parlamento de Galicia anunciou que pretende pór un teito ao financiamento público-privada para construír infraestruturas públicas mediante unha proposición non de lei. A xustificación é manter un límite no endebedamento público que non ate as mans aos futuros gobernos da Comunidade Autónoma cun endebedamento que estenderánse durante moitas décadas. Este sistema de financiamento privado estase aplicando para construír os hospitais de Vigo e Pontevedra e 21 centros de saúde. Sen embrago o pretendido recorte non suporá o abandono deste modelo.

Ante esta sorprendente noticia a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, quere recordar á opinión pública e profesional galega que vimos denunciando reiteradamente as devastadoras consecuencias que pode supor para o sistema sanitario público de Galicia, a aposta da actual Consellería de Sanidade para financiar a construción de hospitais e centros de saúde mediante Colaboración Público-Privada (modelo PFI ou Concesión Público-Privada). Miles de manifestantes nas principais cidades apoiaron esta denuncia nas mobilizacións promovidas polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública das que a nosa Asociación forma parte.

A Conselleira de Sanidade intentou vender a todos os galegos as bondades de modelo, a pesar de que a experiencia noutras Comunidades Autónomas demostrou cuantiosos gastos financeiros da colaboración privada que multiplica entre 4 e 6 o custo final de construción dos centros. No caso do Novo Hospital de Vigo os custos incrementaranse de 457,6 a 1.566 millóns de euros e os custos de todo o Plan Directorio de Novas Infraestruturas Sanitarias de Galicia pasarán de 1.300 a máis de 8.100 millóns. O pago do canon empresarial acaparará o 56% do gasto de funcionamento do sistema público e obrigará a reducir o orzamento destinado ao funcionamento do sistema.

Por todo iso consideramos que o Financiamento Público-Privada levará á quebra da sanidade pública como consecuencia dun endebedamento descontrolado, como está sucedendo na Comunidade Valenciana e na Comunidade Autónoma de Madrid. Segundo datos do Banco de España para o primeiro trimestre de 2010, as Comunidades Autónomas de Valencia e Madrid son, logo de Cataluña, a 2ª e 3ª máis endebedadas do Estado, cunha débeda pública de 15.356 millóns de euros e 11.712 millóns de euros respectivamente e iso é debido, fundamentalmente, ao sistema de financiamento dos hospitais públicos pola vía da Colaboración Público-Privada.
Esta realidade foi negada reiteradamente, ata agora, pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia pero, recentemente, os economistas do PPdeG caeron na conta de que os informes do Banco de España e dos Tribunais de Contas tiñan a razón e é a Consellería de Sanidade a que está equivocada.

A ADSP esixe á Xunta que inclúan o texto desta Proposición non de Lei, a exclusión das obras e equipamentos da sanidade pública dos sistemas de financiamento con capital privado. Todo o demais, é, simple e sinxelamente, operacións de maquillaxe e un novo intento de confundir e enganar á opinión pública galega

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988