Comunicado da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública(FADSP)

A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Publica (FADSP) ante a convocatoria de folga xeral do día 29 de setembro ten que facer as seguintes consideracións:

1) A crise económica que estamos a padecer aumentou as desigualdades sociais que son a causa de maiores desigualdades en saúde. A peor consecuencia desta crise é o paro que xerou e a deterioración das condicións de traballo. A porcentaxe de traballadores que declara traballar en condicións estresantes na media da UE-15 pasou do 32% da poboación empregada a un 54% en 2008. Todo iso co consecuente impacto sobre a saúde, as enfermidades laborais por tensións aumentaron.

2) As desigualdades en saúde supoñen a peor das epidemias que vivimos, con altos custos en vidas e en sufrimento. A inxustiza social mata. Existen evidencias científicas que demostran que unha acción política nun sentido de loita contra esta secuela conseguiría en pouco tempo reducila de forma evidente e cun custo económico perfectamente asumible.

3) A maioría da poboación viu diminuír a súa capacidade adquisitiva, mentres se daba un enorme incremento dos beneficios empresariais. No Estado Español, este contraste entre a austeridade imposta ás clases populares e a bonanza e exuberancia dos beneficios empresariais é mesmo máis acentuado que no resto de Europa.

4) Inscríbense nesa dirección as medidas xa adoptadas polo goberno español "redución dos salarios dos empregados públicos, conxelación de pensións- , e a chamada reforma laboral: maiores facilidades para o despedimento e o seu abaratamento, incremento notable dos poderes da patronal na determinación das condicións de traballo e paralela indefensión dos traballadores". Naquela liña enmárcanse tamén os anunciados proxectos de reforma do réxime de pensións e das prestacións por desemprego.

5) España é o país da UE-15 co gasto público social por habitante máis baixo, o gasto sanitario español é dos máis baixos da Europa desenvolvida. Está a desmantelarse o escaso sistema de benestar social até agora vixente, e na sanidade o recorte nos servizos sanitarios públicos pode ser moi prexudicial para os niveis de saúde da poboación, agravando unha situación na que é de esperar un aumento da carga de enfermidade.

Por todo iso, porque é fundamental manter e reforzar os servizos públicos básicos, e evitar que os máis desfavorecidos e os que menos responsabilidade teñen sobre a crise sexan os que a acaben pagando, apoiamos a convocatoria e facemos un chamamento á poboación e aos profesionais da saúde para que a secunden masivamente.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988