O negocio do hospital de Vigo ... por Pablo Vaamonde

O goberno de progreso tiña aprobado un proxecto para construir un novo hospital público en Vigo, elaborado de xeito participativo con aportacións de moitos profesionais e que tentaba responder ás necesidades sanitarias da área sur de Galicia.


Este plan foi paralizado polo goberno do PP e substituído por unha nova proposta. O actual presidente anuncia agora a licitación conxunta do proxecto e a obra do futuro hospital. Presume de que a Xunta non comezará a pagar esta obra ata o 2013, xa que se realizará por un procedemento de concesión que permite o “pago aplazado”.

O que sucede en realidade con este novo plantexamento (PFI ou Iniciativa de Financiamento Privado) é que unha empresa privada (ou grupo empresarial) será a encargada de proxectar, deseñar e construir o hospital, e despois xestionará os servizos non asistenciais do mesmo (limpeza, hostelería, loxística, seguridade, aparcamentos, etc). A administración deberá pagar un canon anual pola utilización das instalacións, será a responsable da prestación dos servizos asistenciais e a construcción non pasará a ser propiedade do Sergas ata que pasen vinte anos.

Esta fórmula non é nova. No Reino Unido utilizouse durante anos. En España vense aplicando nos últimos tempos fundamentalmente nas comunidades gobernadas polo PP (Madrid, Valencia, Murcia). A avaliación destas experiencias permite afirmar que este método resulta moito máis caro para a administración pública, reduce os recursos dispoñibles para a prestación asistencial e para saúde pública, limita a capacidade dos hospitais para adaptarse aos cambios e innovacións tecnolóxicas, reduce a transparencia na xestión dos centros hospitalarios e deteriora a calidade asistencial.

Con este método as empresas privadas corren escaso risco. En Madrid ningun dos sete hospitais construidos con esta fórmula foron entregados no plazo acordado, sen que isto supuxese ningunha sanción para a empresa promotora. O caso de Alzira é paradigmático: as perdas económicas do Hospital de Alzira foron subsanadas polo Servizo Valenciano de Saúde que o rescatou pagando 70.379.515 euros, saneouno e devolveuno libre de cargas cun contrato máis favorable ao consorcio privado (494,72 € por persoa no ano 2006, un 30% superior a los 379 € del 2003). O custe total da operación supuxo o 40% da inversión sanitaria da CCAA valenciana en 2006.

O sistema sanitario público queda sometido por moito tempo á empresa concesionaria. Se pretendese rescatar o hospital antes do prazo fixado tería que indemnizala polo montante das ganancias previstas (lucro cesante). Isto imposibilita na práctica rescindir uns contratos moi desvantaxosos para o sector público.

A prestación sanitaria na cidade de Vigo pode quedar totalmente en mans das empresas privadas (Povisa atende xa a unha parte importante da poboación) que buscan facer negocio coas súas actividades. A administración convértese nun refén das mesmas: non poderá prescindir dos seus servizos, calesqueira que fosen as súas esixencias, pois ten que garantir, por enriba de todo, a asistencia aos cidadáns. De seguir adiante este proxecto a sanidade pública galega quedará hipotecada por moitos anos, pero algunhas empresas quedarán ben saneadas con diñeiro público.

Artigo extraído de galiciaconfidencial.com

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988