Máis de 10.000 monfortinos reivindican a Área sanitaria

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte encheu as rúas da cidade do Cabe para reivindicar a continuidade da Área Sanitaria e do Hospital Comarcal. Os plans da Consellería de Sanidade non convencen aos compoñentes da plataforma, ni aos veciños das terras de Lemos chegados dos once concellos integrados na actual división sanitaria.

Xunto as persoas anónimas confundíronse unha ampla representación de políticos encabezados polo alcalde da cidade, Severino Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, María Xosé Vega e o deputado socialista Xosé Tomé. Ademais, entre os cidadáns atopábanse representantes dos sindicatos e outros políticos como a voceira de Sanidade do BNG no Parlamento, Ana Luisa Bouza.

A asistencia masiva desbordou as previsións da organización. Sinalaron: “Estamos ante a manifestación máis numerosa da historia de Monforte”. A organización estimou entre 10.000 e 12.000 os participantes: “Está claro cando chegamos aos Escolapios había xente aínda na estación da Renfe”. Os berros e as consignas foron unánimes para defender un modelo público de saúde, autónomo e independente da cabeceira provincial. A voceira da Plataforma, Maribel García, camiñaba en primeira liña e explicou que saíndo a rúa ponse de manifesto “cales son as necesidades reais da poboación” e o que opinan da decisión da consellería de que teñan que compartir un mesmo médico radiólogo cos hospitais de Verín e o Barco.

O alcalde, Severino Rodríguez, aclarou que “ninguén se pode apropiar do éxito da marcha porque é un éxito da cidadanía fronte a unha decisión da Xunta”. Mentres tanto unha veciña da parroquia de Santa Mariña, Felicita López dicía: “O que nos faltaba e que tivésemos que ir facer as análises a Ourense”. Ao final, Maribel García leu o manifesto que reivindica a continuidade da Área, cun xerente propio e non dependente e coa prestación de todas as especialidades.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988