Sanidade Pública ... por María Xosé Queizán

Artigo de opinión extraído de A Nosa Terra do 5 de abril de 2010

O presidente dos EE UU, Barack Obama, acaba de reforzar o Yes, we can, coa nova lei sanitaria para dotar o país dunha rede de hospitais e servizos públicos. Alí onde fracasaron presidentes como John Delano Roosevelt e Harry Truman, ou como John Fitzgerald Kennedy e Bill Clinton, Obama, non sen dificultades, atreveuse contra influencias indebidas e intereses especiais.
 Mentres tanto aquí, onde temos unha cobertura universal, un dos sistemas sanitarios máis democráticos do mundo, estamos correndo o perigo de volver atrás debido á “influencia indebida” do goberno conservador e aos “intereses especiais” de empresas capitalistas. Acaba de celebrarse en Vigo unha multitudinaria e múltipla manifestación para rexeitar a privatización do novo e grande hospital que pode rebaixar os servizos sanitarios públicos. Un dos eslogans dicía: “A privatización prexudica gravemente a saúde”. Os EE UU son un bo exemplo. A pesar de contar con servizos excelentes, o sistema atende peor a totalidade da cidadanía. Fronte a un elevado gasto sanitario por persoa, os índices de mortaldade son elevados. Por exemplo, o país máis poderoso do mundo ocupa o nº 29 do mundo en mortes por parto. Así mesmo, o sistema público regula mellor o prezo dos medicamentos que os criterios de mercado. Estamos saíndo malamente dunha crise producida pola desmesurada ambición do capital e aínda non aprendemos a lección. A cidadanía, a galega concretamente, esquécese dese perigo á hora de votar. Que leiriñas, que propiedades, se lle ensarillan nas neuronas á hora de decidir o seu futuro e o da súa descendencia? Que insolidariedade os cega?

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988