Privatizacións ... por Xosé María Dobarro

Artigo de opinión extraído de Diario de Ferrol

XOSÉ MARÍA DOBARRO(*)

Para César Pita Carretero,

polo agradable do reencontro


O pasado domingo acudín á manifestación “Non á Privatización da Sanidade Pública. A saúde non é un negocio” convocada pola Plataforma pola Defensa de la Sanidad Pública e apoiada por más de corenta entidades: culturais, veciñais, partidos políticos e sindicatos. Tiña pensado manifestarme en calquera caso -o tema sanitario, como o educativo, sempre me preocupou-, mais a aparición dun espléndido día reafirmoume na necesidade de participar no acto.
Pensei que moita xente -despois da ausencia de verán no ano pasado e dos rigores do último inverno- non acudiría á convocatoria por acabar antepoñendo o disfrute do ansiado sol á defensa dun dereito inalienable -por outra parte, nada doado de conseguir-, como é o de poder contar cun servizo de saúde público do máximo nivel. Aínda que máis de un e dun cento, na dúbida, optasen, polo esparcimento, confeso que levei unha grata sorpresa vendo o elevado grao de participación na mobilización. O das cifras é o de menos. Que nunha área tan machacada como a nosa, onde tantas -e de tan variada temática- manifestacións houbo, o pobo, xa canso de labazadas e nones, acuda en tan alto número a presenzas públicas destas características é un signo esperanzador. Ten un aquel de que non todo está perdido, de que aínda é posible conseguir ou manter determinadas cousas. Acompañados da primaveral e suave caloriña do sol puidemos escoitar na Praza de Armas a denuncia das estratexias que o Partido Popular está a poñer en marcha -onde pode e o deixan- para privatizar servizos que lles van reportar pingües beneficios ós consabidos sectores que, casualmente, son os que levaron á economía mundial á situación actual. Porque de parvos é pensar que os culpables do que nos está acontecendo na vida cotiá son Rodríguez Zapatero e o actual Goberno español. Os mellores gobernantes do mundo mundial non serían quen a curto prazo de modificar -xa non falemos de resolver- favorablemente os graves problemas económicos que estamos a padecer. Os cánticos que entoan algúns son como os das sereas de Ulises. Non son outra cousa que cantos de serea os argumentos que se esgrimen para que acreditemos na bondade de poñer en mans privadas determinados servizos. No tocante á sanidade, os desaprensivos que perderon importantes beneficios en sectores que entraron en crise -crise da que moitos deles son culpables directos- andan máis ávidos que antes na procura de concesións nesta área. Son conscientes de que máis rentable que ofrecer sanidade privada -malia os lucrativos concertos co sector público- é xestionar directamente determinados fondos públicos destinados á saúde. E cando a cousa falla, que falla, temos que ir todos ó rescate do que xa, en teoría, era noso, aínda que os principais beneficiarios fosen só uns poucos.

Aínda que o presidente da Xunta acabe de defender o carácter público da sanidade galega, nesta mesma semana que deixamos atrás, reafirmándose no seu compromiso de facer máis investimentos en novas infraestruturas sanitarias, como a construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra, “cen por cen públicos”, segundo as súas palabras, e iso con independencia das manifestacións de Vigo, hai que sospeitar que si hai manobras privatizadoras. Doutro xeito non tería sentido que Núñez Feijoo defendese a súa fórmula para construír hospitais argumentando que é a mesma que utiliza o PSOE en Baleares, en troques da que está vixente en Madrid ou Valencia que, ó parecer, non é do total agrado da cúpula do PP. Nesta súa intervención parlamentar, loxicamente, Núñez Feijoo obviou referirse á súa participación, á fronte do Sergas, nos tempos de Romay Beccaría como conselleiro, cando se crearon as fundacións para xestionar os hospitais públicos de Verín, Barbanza, Salnés e Cee, rescatadas logo pola Administración.

Disto si falou, na súa intervención na Praza de Armas, Xosé Miguel López Pérez, o presidente da plataforma de Ferrol, así como tamén se referiu, como exemplo de vantaxes das privatizacións, á concesión da explotación do aparcamento do Arquitecto Marcide, durante 50 anos, a cambio da construción dun vestíbulo que ten unha escaleira mecánica na que diariamente caen persoas que deben ser atendidas en urxencias. É de supor que non mente. Pois por aí queren levarnos. ¡Que marabilla!

(*) Catedrático de Lingua e Literatura da UDC

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988