Comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública considera que a manifestación convocada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Púbica de Pontevedra contra a privatización do Complexo Hospitalario de Pontevedra o 16 de abril, á que acudiron máis de 20.000 persoas (ocupou unha superficie de 18.000 metros cadrados segundo a policía municipal), reflicte o masivo rexeitamento da cidadáns de Pontevedra e a súa comarca ao intento de privatización da atención hospitalaria da área.

A Plataforma foi capaz de trasladar á opinión pública (nos numerosos actos informativos convocados en todas as localidades da área), que o cambio do proxecto de ampliación do actual hospital público con financiamento público a través da Sociedade Pública de Investimentos polo da construción dun novo centro recorrendo ao financiamento por un consorcio privado (integrado por unha construtora, unha aseguradora privada e unha entidade bancaria), leva consigo graves problemas para a saúde pública entre os que cabería destacar que: multiplicará por dez o custo do centro, reducirá e empeorará a calidade dos recursos, e sobre todo deixará en mans privadas a explotación do hospital, fraccionado a asistencia e xerando conflitos de intereses, que farán inviable a súa xestión eficiente.

A gran mobilización de Pontevedra é continuación das de Vigo, Ferrol ou Viliagarcia, e será seguida polas de Ourense, Lugo, Santiago e outras localidades aínda por determinar, que mostran o rotundo rexeitamento que a privatización xera en Galicia.

Este malestar cidadán traspasa as barreiras políticas tradicionais como mostra a participación nas mesmas de moitos votantes do PP, que consideran un perigo para a súa saúde o que se poña en mans privadas os recursos sanitarios hipotecando os orzamento sanitarios durante as próximas décadas.

Consideramos que a cerrazón de Núñez Feijoo,que fai gala de desoír o clamor cidadán contra a súa política de privatización da sanidade pública, vai ter serias consecuencias políticas para o seu gobernó, dado que a saúde constitúe un das principais preocupacións para os cidadáns e que estes teñen un gran aprecio polos seus servizos de saúde pública (que superan o 80% en todas as enquisas).

A nosa Asociación quere recordar á Xunta de Galicia a sensata máxima que de sabios é rectificar e esixe o abandono da estratexia privadora da sanidade.

Manuel Martín Garcia
Portavoz Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988