A asistencia ó aborto, no ideario da Plataforma pola Sanidade Pública

Artigo extraído do Diario de Ferrol do 30 de decembro

O Comité Antisida Lazos, Agavida, o Ateneo Ferrolán, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol e as AAVV de Esmelle, Santa Mariña, Ultramar e Limodre-Fene reforzaron, coa súa adhesión, a recentemente constituída Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública en Ferrol, que a día de hoxe xa conta co respaldo de 32 entidades locais.

Garantir a prestación do aborto, nos supostos contemplados na lei, ás mulleres que o precisen, así como a creación dun Centro de Referencia das Enfermidades Profesionais, son algúns dos trece puntos que a organización contempla no seu ideario. Un programa encabezado pola demanda da adecuación dos orzamentos de Sanidade e do Sergas ás necesidades reais de contratación de persoal e dimensionamento de cadros de persoal. Propiciando así que non disminúa a calidade asistencial. No caso concreto de Ferrol, pretenden promover a plena utilización de todos os recursos sanitarios públicos da Área. Así mesmo queren que se revisen os concertos e convenios establecidos cos hospitais privados, concertados e clínicas privadas, eliminando aqueles que non sexan precisos. Nesta liña recollen que se palíe a escaseza de servizos sociosanitarios da comarca integrando o Juan Cardona na rede pública.

Melloras>> Entre os obxectivos tamén está a mellora da xestión do gasto farmacéutico así como o mantemento do Plan de Mellora da Atención Primaria, a reducción drástica das listas de espera así como a creación de novas consultas en Atención Especializada, e servizos que non existen actualmente.

Ademais do programa da Plataforma, durante a súa última reunión acordouse nomear unha Comisión de Coordinación composta por CCOO, UGT e CIG; a Xunta de Persoal da Área, Agavida, Grupo Diversidad Funcional, Alcer e as AAVV de Caranza, Valón e Esteiro. Os portavoces de forma provisional serán Salustiano Gómez e Xosé Miguel López, presidentes das AAVV de Valón e Esteiro, respectivamente. A mediados de xaneiro está previsto celebrar unha nova xuntanza para preparar un pleno da Plataforma para primeiros de febreiro, acto para o que se cursará invitación aos partidos políticos que acepten o ideario e estean interesados en incorporarse.

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988