Constituída a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitária de Ferrol

Convocadas pola Asociación de Veciños de Valón e da Asociación Veciñal de Esteiro, no día de onte 23 entidades constituíron a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública.

Os catro sindicatos van formar parte da mesma e ademais CCOO, CIG e USTG enviaron, como mostra de compromiso inequívoco, ós seus secretarios comarcais. A UGT desculpou a non asistencia do seu secretario comarcal, pero si estivo presente no acto unha representante da mesma.

Trece asociacións veciñais , varias asociacións socio sanitarias ( algunhas desculparon a asistencia por celebrarse o día da mobilidade) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria van , de maneira inicial, a formar parte da Plataforma, que está pechada a novas incorporacións que xa se van producir nos próximos días.

Principalmente foi obxecto de debate a redución dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde para o 2010 ( 38 millóns de euros ) e a falla de compromiso da Xunta de Galicia, neses orzamentos, co Plan Director do Complexo Hospitalario, ó que só se dedican 100.000 euros, e o nulo compromiso, non se dedica partida ningunha, co Plan de Alta Tecnoloxía, que deixa ó Marcide fóra dese Plan no ano 2010. O Conxunto dos asistentes criticaron a falla de compromiso da Xunta de Galicia nos orzamentos do 2010 coa Área Sanitaria de Ferrol.

Mentres tanto se segue a dilapidar diñeiro público, no Monte Gaias nos soldos dos Directivos do Servizo Galego de Saúde, que aumentan considerablemente, e no mantemento do Plus de Altos Cargos.

Logo de manifestarse en conta das privatizacións na construcións de centros de saúde e de Hospitais previstas pola Xunta de Galicia, se estableceu un programa de mínimos da Plataforma que se completará na próxima xuntanza a celebrar neste mesmo mes de Decembro:

1. Demandar da Xunta de Galicia a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal e dimensionamento de cadros de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos, vacacións, etc., que eviten a actual mingua da calidade asistencial.
2. Revisar os concertos establecidos cos Hospitais Privados, Hospitais Concertados, e Clínicas Privadas, eliminando aqueles que non sexan necesarios.
3. Mellorar a xestión do gasto farmacéutico, non reducir en caso ningún a dispensa de medicamentos, pero si exercer un mellor control.
4. Manter o Plan de Mellora da atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, e a extensión de programas e plans de coidados de Enfermería.
5. Redución drástica das Listas de Espera en Consultas de atención Especializada, Probas diagnósticas, Cirurxía e procedementos terapéuticos. Control das Listas de Espera no futuro.
6. Creación dun Centro de Referencia das Enfermidades Profesionais nesta Área Sanitaria.
7. Paliar a escaseza de recursos Sociosanitarios na Comarca, actualmente moi insuficientes, dada as características, da idade da poboación, da nosa Comarca, Integrando o Hospital Xeral na rede Pública.
8. Mantemento dos compromisos económicos mantidos con esta Área Sanitaria para desenvolver o Plan Director do Complexo Hospitalario.
9. Compromiso de investimento no ano 2010 da Área Sanitaria dentro do Plano de investimentos en Alta Tecnoloxía.
10. Creación dun sistema de alerta sanitaria directamente relacionado coa Atención Primaria, para que o gasto asistencial derivado da asistencia a enfermidades profesionais sexa custeado polas Mutuas e non cargado á Sanidade Pública.

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol está aberta a novas adhesións de asociacións. Para aherirse, contactar no plataformadspferrol@gmail.com

0 comentarios:

Publicar un comentario


CONTA BANCARIA: BANCO PASTOR 0072 0272 87 0000140988